Presentada a nova edición do festival RESIS, que reunirá na Coruña ata xuño destacados intérpretes de música contemporánea internacionais
Foi presentado o festival de música contemporánea RESIS, que arrancará o vindeiro 21 de abril e reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá, ademais, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades.O director das Axencias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da quinta edición desta cita, organizada pola Asociación Cultural Aïs, na que salientou a aposta compartida coa Administración autonómica de promover entre todos os públicos a cultura contemporánea, impulsar a investigación e debate e promover o talento.
Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que o apoio ao RESIS insírese no traballo que se está a realizar desde a Xunta por impulsar a proxección artística profesional de novos autores apoiando a consolidación das súas carreiras a través de premios, certames e apoio a ciclos musicais como o presentado hoxe que, entre outras accións, incluirá algúns dos traballos de novos artistas xurdidos ao abeiro do programa de residencias artísticas do Gaiás.
Valorou tamén que o RESIS promova o intercambio profesional se celebre en distintos espazos públicos, singulares e de acceso gratuíto da Coruña algo que contribuirá, engadiu, a estender e promover a cultura entre todos os públicos.
Estreas
O primeiro concerto Gran Torso IV do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas e un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra do traballo froito da residencia artística do Gaiás, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble. O Museo de Belas Artes acollerá o 8 de maio o concerto COLD TRIP de Lab 51, suporá a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Georges Aperghis e Yoko Ono, entre outros artistas.
Dos sete concertos previstos inclúese tamén Pléïades, a homenaxe polo centenario do compostor Iannis Xenakis, o 14 de maio no Castelo de Santo Antón a cargo de Arxis Ensemble. Será a estrea en Galicia e suporá un irmandamento coa Filarmónica de París, que lle adica este ano unha exposición ó compositor grego. A formación Arxis Ensemble debuta nesta edición, xa que é unha nova formación coruñesa de música contemporánea que nace ó amparo do RESIS.
Mesas redondas e proxectos inclusivos
O Concerto SIGMA, de Sigma Project, levará á DOMUS o 21 de maio pezas de Alberto Posadas, José María Sánchez Verdú e Helga Arias -todas elas estreas en Galicia-; de Víctor Ibarra, cunha estrea en España, e de Raphael Cendö, cunha estrea europea. Baixo o título AKUSMATA, a formación Cantando Admont estreará en España varias pezas de Beat Furrer. Será o 28 de maio na Igrexa de Santiago.
O Teatro Colón acollerá o 2 de xuño o concerto AKRATA, da Banda Municipal da Coruña, que estreará pezas de Miguel Matamoro, Xenakis, Xavier Gelabert e Voro García. Como concerto de clausura, o NATURA RENOVATUR da Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia estreará pezas nunca antes tocadas de Giacinto Scelsi, Waldimir Rosinskij –que escribiu unha obra en exclusiva para o RESIS-, Xenakis e Wolfgang Rihm.
A programación complétase con mesas redondas, máster class, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. Todas elas poden consultarse en www.resisfestival.com.
R.

