Galicia acolleu e integrou no sistema educativo a máis de 500 nenos ucraínos desde o comezo da guerra

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o titular de Educación aproveitou a visita para felicitar ao conxunto da comunidade educativa galega e, en especial, ao colexio Paradai, “polo exemplo de acollida e de integración” destes alumnos por parte dos seus compañeiros galegos, das familias e dos profesores. “Un proceso do cal, sen obviar as terribles circunstancias, cómpre destacar a parte positiva de solidariedade e de enriquecemento mutuo en todos os sentidos, e tamén a nivel educativo, do que debemos sentirnos orgullosos como cidadáns”, abondou.
De feito, sinalou ao CEIP Paradai como “un referente en inclusión e atención á diversidade” do alumnado, xa que o 54% do total de 311 alumnos cos que conta o centro son de orixe estranxeira, con 21 nacionalidades distintas.
O conselleiro lembrou que o Goberno da Xunta traballou desde o primeiro momento para artellar unha acollida ordenada aos desprazados, especialmente no ámbito escolar, onde se habilitou un procedemento extraordinario para a incorporación inmediata dos nenos ás aulas ao tempo que garantirlles os servizos gratuítos de transporte, comedor e material escolar necesario así como proporcionarlles ferramentas específicas para favorecer a comunicación co resto dos compañeiros e cos profesores.
Paralelamente a Consellería puxo á disposición dos centros educativos un modelo de Guía de Plan de Acollida para facilitar unha adaptación o máis efectiva posible do alumnado desprazado. Isto completouse cun espazo web específico sobre Ucraína con recursos e materiais didácticos deseñados para favorecer este proceso de adaptación e integración nas aulas.
Todos estes materiais foron elaborados coas achegas de orientadores así como dun grupo de traballo de profesionais do Comité Educativo e da Xunta Autonómica de Directores e de equipos directivos con experiencia previa en acollida de alumnado estranxeiro.
No apartado de apoio tecnolóxico, no marco do programa Educa en Dixital, todo alumno ucraíno que o precise pode dispoñer dun ordenador con conexión á rede con equipos configurados para os idiomas galego, castelán e ucraíno, e os teclados identificados con pegatinas específicas para a escritura en ucraíno.
R.