Docentes de 300 centros educativos participan nos intercambios internacionais para mellorar as súas competencias e a innovación pedagóxica

Así o asegurou no Encontro Internacional Erasmus+ que entre hoxe e mañá congrega en Ferrol uns 300 docentes de nove países distintos para debater e explorar distintas vías formativas en ámbitos como a inclusión, a internacionalización, as novas tecnoloxías ou o plurilingüismo a través de charlas, mesas redondas e obradoiros.
O titular de Educación do Goberno galego subliñou que a promoción e o reforzo da dimensión internacional “é unha das liñas formativas prioritarias” da Xunta, que leva anos traballando nunha maior presenza nestes programas Erasmus. “Esta -apuntou o conselleiro- supuxo unha das maiores fiestras de oportunidade para coñecer novos modelos educativos e, ao mesmo tempo, poñer en valor a nosa visión desde Galicia”.
Preto de 300 centros educativos participaron o pasado curso en distintas actividades de mobilidade no marco do Erasmus+ con proxectos no entorno escolar, no ámbito da educación para persoas adultas e no da Formación Profesional. En concreto na FP, Galicia destaca entre as tres comunidades autónomas con proxectos propios.
Canto ás temáticas, as áreas máis demandadas á hora de desenvolver iniciativas no estranxeiro son as de inclusión e diversidade, a transformación dixital, o medio ambiente e a sustentabilidade.
Finalmente o conselleiro loou o papel tractor que desempeña o Centro de Formación do Profesorado de Ferrol no Erasmus+, que se traduce na participación activa de máis do 90% dos centros educativos de Ferrolterra nalgunha das distintas iniciativas desenvolvidas ao abeiro do mesmo.
R.