Sanidade presenta o programa PROTEGO para a prevención de condutas aditivas

PROTEGO é un programa de prevención de condutas aditivas, así como de condutas problemáticas favorecedoras de exclusión, de tipo selectivo porque vai dirixido a familias vulnerables e/ou en risco social.
Está baseado no adestramento familiar en habilidades educativas e fomento da parentalidade positiva de pais e nais con fillos e fillas de 9 a 13 anos, con factores de risco, co fin de mellorar as súas habilidades educativas, limitar a exposición dos fillos e fillas aos factores de risco, aumentar os factores de protección e fortalecer as relacións pais/nais cos fillos e fillas. Todo iso, mediante unha metodoloxía de traballo activa e participativa cos pais e as nais.
O programa foi desenvolto pola asociación Promoción y Desarrollo Social (PDS), e está dispoñible en España e noutros países. Está incluído no rexistro EDDRA de boas prácticas europeas en redución da demanda de drogas, así como no rexistro Xchange de intervencións preventivas baseadas na evidencia, ambos os dous do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías.
A súa avaliación mostrou que mellora as habilidades parentais relativas á comunicación, a xestión de conflitos, a cohesión familiar e a vinculación entre pais e fillos, manténdose as melloras no tempo, como evidenciou un seguimento realizado aos 12 meses.
Actualmente, a asociación Promoción y Desarrollo Social está a desenvolver un proxecto que promove o coñecemento de PROTEGO entre os técnicos de prevención, así como o seu uso polos programas de drogas autonómicos e locais, e, entre as súas accións, inclúese a tradución ao catalán, eúscaro e galego dos diferentes materiais para a aplicación do programa, ata o de agora dispoñibles só en castelán, así como a realización de xornadas territoriais de presentación do programa, da súa plataforma colaborativa dixital, e dos seus materiais en linguas autonómicas elaborados no marco do proxecto.
R.