Ir o contido principal
iniciar sesión

Vicepresidencia da Xunta finanza o equipamento para os locais de ensaio dos moz@s músicos de Oleiros

Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galicia, será quen, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade que dirixe Rubén Cela, finanzará o
equipamento –equipo de son- para os locais de ensaio dos mozos e mozas músicos de Oleiros, segundo ven de confirmar Antón Tenreiro, concelleiro de Xuventude oleirense, á saída do encontro mantido con este responsable autonómico.

Tenreiro comprometeuse con Rubén Cela a entregar na vindeira semana, o plan de finanzamento que se require para dotar un local de Oleiros, que de entrada buscarase un provisional ata atopar o definitivo, do equipamento preciso para que os xoves oleirenses que contan con Grupo musical, poidan realizar os seus ensaios atendendo a un calendario segundo as solicitudes que se planeen, dende este mesmo ano. Esta é a previsión por parte do concello, respostando así a unha das demandas que a mocidade de Oleiros presenta e que é estimulada ademais dende o propio concello, toda vez que conta con Escola Municipal de Música, o que implica a formación dos alumnos que por iniciativa propia, van conformando grupos de música de diversos estilos. O concello quere así continuar apoiando esta actividade e dedicación dos mozos e mozas de Oleiros, no camiño da dinamización sociocultural que marca a política social neste concello.

Antón Tenreiro amosouse plenamente satisfeito da actitude e disposición da dirección xeral, que sen dúbida, reverterá nun maior beneficio para os xoves de Oleiros, e consecuentemente, para toda a mocidade do concello, que verá así cómo as súas necesidades sociais van sendo respostadas grazas á colaboración da actual Xunta de Galicia e a súa sincronía coas necesidades da sociedade galega.
R.