93.000 nenas, nenos e adolescentes en Galicia viven en risco de pobreza e/ou exclusión social

Na actualidade, Galicia sitúase como a quinta comunidade autónoma con menor taxa de pobreza e/o exclusión social na infancia. Con todo, conta cunha renda media por unidade de consumo de 18.093€, o que supón 1.067€ menos que a media nacional. Ademais, é unha comunidade envellecida, que conta con 374.000 menores de 18 anos, o que supón o 4,6% do total de nenos, nenas e adolescentes de España, só por detrás de Asturias.
En vista dos datos, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia propón unha serie de medidas que se concretan en traballar na elaboración do Plan de Apoio ás familias monoparentais, para facer fronte aos elevados índices de pobreza que padecen; apoiar ás familias con nenos e adolescentes a cargo con algún tipo de discapacidade; poñer en marcha un plan de choque contra o abandono e o fracaso escolar; acelerar a tramitación de bolsas de alimentación para familias de baixos ingresos con fillos a cargo; poñer énfase no desenvolvemento das zonas rurais, para que os nenos, nenas e adolescentes que viven nesas zonas non teñan que abandonalas por falta de recursos, servizos ou oportunidades; incrementar o número de familias de acollida para a infancia tutelada pola administración; medidas de acceso a unha vivenda digna, adecuada e accesible; así como simplificar o acceso á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e o Ingreso Mínimo Vital (IMV), entre outras medidas.
España ocupa o primeiro posto da Unión Europea en taxa de pobreza infantil (27,8 %). Ademais, aproximadamente 1 de cada 10 nenas, nenos e adolescentes no noso país experimentan carencias materiais severas, sendo o único indicador do AROPE que aumentou no último ano en España, situándose no seu máximo histórico desde que se teñen rexistros, con niveis superiores aos da crise económica de 2008.
R.