Igaciencia premia a innovación científica en galego entre a mocidade no certame anual Novos Poliedros

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que estivo acompañado no Pazo de San Roque por Manuel Díaz, responsable de Igaciencia, destacou o papel de iniciativas coma esta “para mostrarlle á rapazada, dun xeito lúdico, que non é incompatible en absoluto co rigor e a calidade, o papel que o galego, como calquera outra lingua, pode ter no ámbito científico”.
Centros premiados
Na edición 2023 de Novos Poliedros resultaron gañadores sete institutos procedentes das catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.
Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma como agasallo. Ademais, nesta terceira edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo, e ao IES Nº 1 de Ribeira, na Coruña.
Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dunha listaxe de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.
R.