Unha vintena de equipos participan na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove 2024 na categoría de ESO
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, saudaron esta mañá aos equipos de centros de ensino de Secundaria que participan na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove, que chega este ano a súa edición número quince. Un total de 23 equipos doutros tantos centros educativos déronse cita onte e hoxe neste evento que se celebra na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia.En total, son preto dun centenar de estudantes os que compiten nesta fase clasificatoria, na que a pregunta de debate sobre a que tiveron que argumentar a favor ou en contra foi ‘Os Estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?’.
Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude plenamente consolidada. Desde o seu inicio teñen debatido 518 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades, nos que participaron 2.762 persoas entre estudantes e profesorado. A estas cifras hai que engadir os 57 equipos e 223 participantes desta edición en curso.
Traballo de investigación e argumentación
Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
A través de Parlamento Xove, o Executivo autonómico potencia habilidades e competencias da mocidade en eidos como a selección de información; a expresión oral e escrita; a orixinalidade; a argumentación razoada; o traballo en equipo ou a convivencia.
R.

