A Xunta aprobará os decretos para a gratuidade da universidade e dos estudos artísticos ao comezo do verán
“Desde o Goberno galego levamos anos traballando para construír un sistema no que se garanta a excelencia e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”, lembrou, e puxo como exemplo a conxelación das taxas universitarias durante 14 anos consecutivos. “Acadamos os prezos públicos máis baixos de toda España, tanto en grao como en máster, co que as familias galegas levan aforrados 200M€ neste tempo”, sinalou.Agora, con este novo paso, universalízase a gratuidade, á par que se premia o esforzo, cunha medida que vai ter un alcance potencial de 50.000 alumnos e que beneficiará aos alumnos tanto de primeiro como do resto de cursos. No caso do alumnado universitario, suporá un aforro medio de 3.000€ ao longo da carreira. E, namentres, as universidades non verán reducidos os seus ingresos, pois serán compensados polo Goberno galego.
Sen trámites adicionais
Román Rodríguez detallou que a nova medida se vai implementar a través de dous textos normativos, tanto para as universidades como as ensinanzas artísticas.
“Levamos semanas traballando para definir estas cuestións técnicas, a nivel interno e coas propias universidades, co fin de deseñar o modo en que o alumnado poderá optar por esta bonificación”, dixo. Neste senso, adiantou que, no caso dos graos, o procedemento xa estará incorporado nas plataformas de matriculación de cada universidade (USC, UVigo e UDC) e non requirirá de ningún tramite adicional.
R.

