Ir o contido principal
iniciar sesión

Iniciada a campaña de vacinación infantil fronte á gripe coa que se pretende protexer a máis de 72.000 nenas e nenos de 0 a 4 anos

Na vacinación antigripal, Galicia foi pioneira no 2022 ao introducir por primeira vez en España a vacinación de nenos e nenas de entre 6 e 59 meses. Os resultados conseguidos constatan a aceptación desta medida, cun incremento en 2023 con respecto á campaña inicial, acadándose un 55,78% de cobertura. Este dato sitúa a Galicia á cabeza das coberturas de vacinación infantil en España e case 20 puntos por encima da media nacional, que o ano pasado foi do 36,16%.

No día de hoxe a campaña galega de vacinación fronte á gripe tamén comeza para menores con patoloxías de risco e para persoas inmobilizadas na casa de calquera idade e a súa persoa coidadora principal.

Avance da campaña de vacinación

Segundo o último balance desde a posta en marcha da campaña por parte da Xunta o pasado 23 de setembro ata o 3 de outubro, son preto de 25.000 as persoas vacinadas en Galicia fronte á gripe. Delas, un total de 3.276 son persoal socio-sanitario e 21.353 residentes.

En canto á vacina fronte á covid, xa se vacinaron case 23.000 persoas, das que 2.069 son persoal socio-sanitario e 20.527 residentes.

Do mesmo xeito, máis de 2.300 bebés foron inmunizados xa fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), causante da bronquiolite.
R.