Ir o contido principal
iniciar sesión

La Librería Paz, galardonada con el Premio Ourense de Banda Diseñada

La Librería Paz ha sido galardonada con el Premio Ourense de Banda Diseñada en reconocimiento a su trayectoria pionera en Galicia. Destacar la importancia que tiene la librería en la difusión de la banda diseñada y defender al sector librero gallego son los principales objetivos de este galardón.

Nota remitida por la Casa da Xuventude de Ourense:

O Premio Ourense de Banda Deseñada, con que cada ano a Casa da Xuventude e mais a Concellaría de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense buscan distinguir unha iniciativa ou unha traxectoria dentro da banda deseñada galega, recae este ano na pontevedresa Libraría Paz, á fronte da cal se encontra Cano Paz.

A Libraría Paz, unha das pioneiras no país en prestar atención especializada á BD, tense distinguido por ser unha das grandes difusoras do medio, percorrendo media Galiza a través de feiras e eventos de todo tipo. Así foi como moitos afeccionados aos cómics puideron, durante moitos anos, acceder aos álbums e revistas que non chegaban ás librarías e aos quioscos en lugares como a cidade de Ourense.

Hoxe, afortunadamente, as librarías especializadas e as xeneralistas que prestan unha atención notábel aos cómics son unha realidade ao longo do país, mais non en 1990, cando Cano Paz decidiu dedicar á banda deseñada boa parte da libraría fundada polos seus pais (Isidro Paz e Dolores García) en 1968. Así, a Libraría Paz e outras iniciativas ao longo da xeografía galega —algunhas aínda en activo, como a Libraría Komic, de Santiago— foron abrindo camiños para que a percepción social dos cómics fose gañando parte do espazo que lle pertence.

Non hai que esquecer que, ademais de ter levado a BD a moitos lugares, Cano e a Libraría Paz están detrás do proxecto BD Banda desde os seus inicios, cando a edición de BD galega estaba ben lonxe do que está chegando a ser.
Outorgar este premio a unha libraría pretende salientar a importancia capital que para a banda deseñada supón a súa difusión a través delas, e defender un sector, o dos libreiros, que é o punto de contacto directo co público e o máximo axente divulgador da Novena Arte. Do compromiso e a sensibilidade cultural dos libreiros depende boa parte do futuro dos cómics na nosa sociedade.

O Premio Ourense de Banda Deseñada entrégase no transcurso das Xornadas de Banda Deseñada (cuxa décimo oitava edición decorre entre o 4 e o 22 de outubro); está dotado cunha estatuíña deseñada expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.

Até o de agora, foron galardoados co Premio Ourense nesta categoría Xaquín Marín, Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais, Miguelanxo Prado, ‘A Nosa Terra’, o equipo de ‘A Familia Perpetua’ (Carvallo, Héitor e Robledo), a Deputación da Coruña, a Biblioteca Club 33 de Santiago, Fausto Isorna, o programa ‘Xabarín Club’, o Festival ‘Viñetas desde o Atlántico’, Fran Jaraba, a Deputación de Lugo, o Consello da Cultura Galega, a revista ‘Golfiño’, Pepe Carreiro, o Colexio de Arquitectos de Galicia e a revista ‘BD Banda’.


R.