Ir o contido principal
iniciar sesión

Catorce grupos participan en el programa de dinamización musical Son de Cangas

Nota de prensa remitida por el Ayuntamiento de Cangas:

Un total de 14 formacións musicais participarán no programa Son de Cangas, que está a ultimar a Concellería de Xuventude. A iniciativa substitúe ó anterior Directo Xove cun proxecto renovado e ampliado que pretende impulsar a promoción dos grupos locais, calquera que sexa o seu estilo.

O Concelleiro de Xuventude de Cangas, Óscar Graña, explicou que o novo nome do programa “está extraído das propostas que fixeron as propias bandas que participan nesta edición” e sinalou o “xogo de palabras” entre o verbo ser, que identifica a pertenza ó municipio, e o substantivo que fai referencia ó sonido.

Unha das principais novidades que incorpora Son de Cangas é a apertura ós diversos estilos musicais que practican os mozos da vila, dende o pop e o heavy ata o folc ou as bandas de música. Deste xeito, terán cabida no programa as formacións Lavorda, A pedir de Milkhouse, Jit, Estado Puro, Crawl, Mechanix, Fíjado Korroído, Póstuma, Pan con pan, Kaixosama y L. César, Negra Sombra, Kalighula, FainoTi, e mais a sección xuvenil da banda de música Bellas Artes.

Óscar Graña indicou asemade que o novo proxecto pretende “superar o localismo no que se atopaba sumido o Directo Xove”, polo que o seu departamento vai traballar na promoción dos grupos co obxectivo de “dalos a coñecer máis aló das fronteiras do municipio”. Nesta liña, establecerase un calendario de concertos que lles permitirá ós participantes actuar en locais de Cangas ata o verán. Coincidindo coas vacacións estivais, no mes de xuño celebrarase un gran festival ó aire libre que non suporá o final do programa, senón unha paréntese ata mediados de setembro para que as bandas se dediquen a tocar fóra da vila, para o que a Concellería de Xuventude establecerá contactos cos organizadores de concertos.

Ademais de garantir polo menos unha actuación no municipio e abrir as portas á promoción exterior, Son de Cangas daralles ás formacións musicais a oportunidade de gravar un tema para a edición dun disco conxunto. Segundo sinalou Óscar Graña, “este CD distribuirase entre a prensa especializada, produtores musicais, salas e promotores de concertos”. Para que o resultado final da gravación sexa óptimo e tendo en conta que moitos grupos afrontan por primeira vez esta tarefa, os participantes contarán con máis tempo e asesoramento profesional, co fin de gañar en calidade.

O programa de dinamización musical da Concellería de Xuventude culminará a finais de ano cunha gala na que, ademais de contar con algunha actuación e extraer as conclusións finais do proxecto, se lles entregarán ós participantes as achegas de 300 euros coas que o Concello contribúe a fomentar a actividade das bandas locais.

Óscar Graña engadiu que será tamén un apoio importante para os grupos o novo local de ensaio e gravación promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Xunta, que “será unha realidade en 2009”. O novo centro vai ser “o máis grande de todo o país” e disporá de instalacións tanto para ensaios como para gravación de imaxe e sonido, co que constituirá un novo impulso para Son de Cangas.
R.