El Colegio Fonseca de la USC acoge la muestra Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela

O Colexio de Fonseca retrocede no tempo ata finais dos anos sesenta para acubillar a mostra Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela, produción da Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galegas, as consellarías de Educación e de Cultura e a obra Social de Caixa Galicia que se pode visitar ata o 27 de marzo.
Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a USC, chégase na montaxe a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967-1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista.
Uns dos primeiros visitantes da mostra foron o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o seu homólogo asturiano, Vicente Álvarez Areces, que estiveron acompañados do reitor Senén Barro, do vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e do presidente da Fundación 10 de Marzo, Manuel Villares.
A mostra susténtase nun intenso labor de documentación que levou a cabo Ricardo Gurriarán, o seu comisario, que tirou información de numerosos arquivos ademais das duascentas horas de gravación que realizou aos protagonistas da época.
Así, o material exposto ofrece unha análise dos elementos que alicerzaron as mobilizacións estudantís posteriores, con especial énfase na dicotomía entre a cultura oficial e a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, ou os acontecementos ocorridos noutros lugares a prol da democratización das estruturas universitarias.
O conxunto expositivo pon de manifesto a solidariedade da sociedade galega e leva ao visitante ata o nacemento de Voces Ceibes, ás asembleas universitarias, ao peche da Facultade de Filosofía e Letras, á represión sobre os líderes estudantís ou a actitude do profesorado, entre outros aspectos. A exposición recolle todo tipo de documentación recuperada no proceso de investigación, como carteis, fotografías, boletíns universitarios, prensa legal e clandestina, fichas policiais ou informes gubernativos, entre outros.
Ademais, co obxecto de achegar máis ao visitante a esta época reprodúcese un cuarto de estudantes no que o visitante poderá atoparse con obxectos típicos da época, como prensa, con exemplares de Signo, Triunfo, ou Cuadernos para el Diálogo; carteis; discos; roupa ou aparellos da vida cotiá daqueles tempos.
De xeito paralelo á mostra organizaranse outros actos como sesións de cineclub, unha mesa redonda con protagonistas dos acontecementos e presentacións de libros. Xa en decembro celebrarase un concerto conmemorativo do nacemento de Voces Ceibes, que tivo a súa primeira aparición pública hai corenta anos.
Nota de prensa remitida polo Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia:
“O maio do 68 marca a vida de toda unha xeración que ao longo do tempo se converte en protagonista, en responsable en grande medida, e lle corresponde alumear a Transición e a construción da democracia e das autonomías en España”. Son verbas do presidente da Xunta logo da visita realizada á exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós: As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela, organizada pola Fundación 10 de marzo e que, desde onte, pode visitarse no compostelán Pazo de Fonseca.
No decurso da visita, na que tamén participou o presidente de Asturias, Vicente Álvarez Areces, o titular da Xunta puxo en valor a unha xeración que se rebelou “contra a hipocrisía” e loitou pola “democracia e contra a ditadura” no Santiago “efervescente” da época, no que –segundo asegurou- “se viñan cociñando aires de liberdade” no seo dun movemento estudantil que antecedeu ao propio “maio francés do 68”.
Segundo indicou Pérez Touriño, a exposición promovida pola Fundación 10 de marzo, “extraordinariamente plural”, recolle e recrea “momentos decisivos da historia de Galicia”. “Creo que está feita cun extraordinario sentido da realidade, recuperando a testemuña e dando voz directa aos protagonistas”, significou.
Precisamente, entre os protagonistas daqueles movementos estudantís figuraron o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces. Durante a súa intervención, a aquel movemento “que xurde na Universidade pero que enlaza con toda a sociedade galega”. Areces eloxiou o intenso traballado desenvolvido polo comisario da exposición, Ricardo Gurriarán, e aplaudiu o resultado final por ter “acertado plenamente e conectado cos nosos sentimentos”. “Síntome moi satisfeito e moi honrado de figurar por aí [dixo Areces en alusión ás fotografías nas que aparecen tanto el como Pérez Touriño] e rescatar a miña vida, que acabo de descubrila nalgunhas cousas que Gurriarán se encargou de ensinarme”.
Tanto Areces como Touriño puxeron en valor a figura de José Antonio González Casanova, profesor presente hoxe na visita á exposición, por ter amosado “desde o bando dos profesionais, dos intelectuais”, desde “a cadeira da Universidade” o seu compromiso cos estudantes da época, por poñerse do lado destes e ter loitado pola consecución “das liberdades en Galicia”.
“José Antonio González Casanova marcou a nosa vida, a miña en particular, de forma determinante”, sinalou Touriño. “Abriume a vida á política, ao dereito político e constitucional e a utilizar por riba de todo a razón, a palabra e o corazón”, engadiu.
Na súa intervención, o titular da Xunta aludiu ás características que posuía aquela xeración que portou “esas 3 grandes Cs que definen ao longo da historia” á mocidade. Era, segundo sinalou, unha mocidade “crítica, comprometida e creativa”. “Unha mocidade crítica que cuestiona o sistema, as culturas dominantes, a hipocrisía moral da España escura do franquismo; unha xuventude comprometida que da un paso activo e toma o protagonismo da participación; e unha mocidade creativa na que nacen diversas formas de creatividade cultural e expresión”, salientou.
R.