Ir o contido principal
iniciar sesión

Una veintena de expertos participan en el seminario Os sons e as imaxes da información en radio, televisión e internet

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, subliñou este mediodía o “apoio entusiasta” do Consorcio Audiovisual de Galicia, entidade da que é presidente, co curso de comunicación promovido pola Fundación Carlos Casares en Celanova. Fernando Salgado fixo extensible o apoio do Consorcio “con todas as iniciativas postas en marcha desde a Fundación que contribúan a promover o desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia”.

Así o sinalou en Santiago no acto de sinatura do convenio de colaboración rubricado entre o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación Carlos Casares para a organización de actividades formativas de contidos audiovisuais, entre os que se atopa o desenvolvemento do curso Os Sons e as Imaxes da Información Radio, Televisión e Internet. No mesmo participaron o secretario xeral de Comunicación, a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, e os directores xerentes de ambas as entidades, Nacho Varela por parte do Consorcio, e Gustavo Garrido, por parte da Fundación.

Na súa intervención, Fernando Salgado referiuse a un apartado especial dentro do curso. Así, explicou que se lle dedicará un relatorio ao poeta celanovés Curros Enríquez recordando a súa faceta como xornalista. Servirá, salientou, “como unha homenaxe ao autor de Aires da Miña Terra no centenario do seu pasamento”.

O Consorcio responde con esta colaboración ao seu obxectivo de potenciar as accións tendentes ao desenvolvemento audiovisual en Galicia, promovendo a actividade profesional, a creación de emprego, a investigación, a formación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector audiovisual. O curso, que se celebrará no Mosteiro de Celanova durante os días 9, 10 e 11 de xullo, pretende ser un referente de formación específica e cualificada no sector audiovisual.

En palabras dos promotores, a intención de Os sons e as imaxes da Información, Radio, Televisión e Internet é a de reflexionar arredor das ferramentas audiovisuais na actual sociedade da información, sobre o seu pasado e sobre a súa problemática actual, e ao tempo anticipar un futuro que semella tan apaixonante como ateigado de desafíos para a vida cotiá dos cidadáns, mesmo condicionando o propio desenvolvemento da sociedade.

O curso terá unha duración de 30 horas. Durante tres días os relatores disertarán sobre os medios informativos. Abre o curso a conferencia Os noticiarios na historia do audiovisual galego, impartida polo profesor de Historia do Cine da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Nogueira. Durante o primeiro día desenvolveranse cinco conferencias: Produción de contidos audiovisuais e multimedia para a industria que correrá a cargo da profesora de Comunicación Audiovisual, Beatriz Legerén; A televisión en España: Estado da cuestión, a cargo de Carles Marín, membro da xunta directiva da Academia de Televisión; Blogosfera galega, a cargo do profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, Manuel Gago; As multimedia do futuro, perspectivas, a cargo do profesor de Comunicación Audiovisual, Fortunato Rodríguez Fernández; e A terceira era da televisión que correrá a cargo do director de información e contidos de rtve.es, Ricardo Villa. A xornada remata coa proxección da estrea do documental de Manuel Darriba, Prodixiosos.

O segundo día comeza coa conferencia Curros Enríquez xornalista, que pronunciará o profesor, historiador do xornalismo galego e académico numerario da Real Academia Galega, Marcos Valcárcel. De seguido produciranse dous “cara a cara” que versarán sobre A presentación dun informativo e Informar dende a radio en Galicia.

Xa pola tarde, o programa inclúe tres conferencias: A imaxe en converxencia: os novos modelos de consumo, que correrá a cargo do catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade Complutense de Madrid, Emilio Carlos García; De que falamos cando falamos de xornalismo?, que impartirá o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro; Edicións dixitais en Galicia, pronunciada polo profesor de Xornalismo, Xosé Pereira Fariñas e A experiencia de Google. Cara onde camiña a rede?, que será impartida por Luis Collado, responsable de Google Books Search de España e Portugal. Pecha a xornada a estrea de O rei galego de África, documental de Delmi Álvarez, presentado por Arturo Lezcano e Ana Miranda.

O venres 11 de xullo o programa inclúe cinco conferencias: Televisión informativa en tempo real. Da era analóxica á xeración Iphone, impartida polo profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, Xaime Fandiño; Ser xornalista en España, pronunciada polo presidente da FAPE, Fernando González Urbaneja; Por que a radio resiste?, a cargo do director de Informativos de Cadena Ser, Rodolfo Irago; De Curros Enríquez a internet: Informar en Galicia, impartida polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé López. Clausura o curso a conferencia Todo dixital e en rede: Temas da Globosfera, impartida polo catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade Autónoma de Barcelona, Emili Prado.

O curso está organizado pola Fundación Carlos Casares, o vicerreitorado do Campus de Ourense e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Nel participarán un total de 20 expertos en comunicación seleccionados polo director do curso, Miguel Anxo Fernández.
R.