Ir o contido principal
iniciar sesión

Presentado el trofeo de Curtas na Rede: Bobi es la estatuilla que recibirán los ganadores

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A III Edición do Concurso de Curtametraxes na Rede Curtas na Rede 08, organizado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e o Consello da Xuventude de Galicia, entra na súa recta final. O luns 8 de setembro remata o prazo para presentar curtametraxes, cápsulas ou micromovies.

Os promotores do certame, a Secretaría Xeral de Comunicación a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e o Consello da Xuventude de Galicia, destacaron esta mañá a consolidación da iniciativa que, a tres días do seu peche para inscribirse, incrementou nun 50% a participación con respecto á edición do pasado ano. Así, ata o momento téñense presentado 142 curtametraxes, 20 micromovies e 30 cápsulas.

Así mesmo, o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias e a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, M.ª Dolores Rodríguez Amoroso, deron a coñecer a Bobi, a estatuíña que se lles outorgará aos gañadores de Curtas na Rede 08. O acto de entrega de premios terá lugar o 29 de outubro no Teatro Colón da Coruña.

Ambos os dous quixeron aproveitar o momento para animar a xente a presentar máis obras antes de que remate o prazo, xa que nesta edición se conta cunha elevada contía de galardóns que se eleva nun 40% con respecto á edición anterior.

A categoría estrela do concurso é a de curtametraxes na que o ano pasado participaron 78 proxectos. Os inscritos deben realizar unha curta inédita que non poderá exceder os cinco minutos de duración e que deberá versar sobre as temáticas de inmigración, saúde e sexualidade e visións nosas/ visións alleas (temática libre). Ademais desta categoría, e coa mesma limitación e duración, este ano incorpórase a categoría de curtametraxes de animación de temática e xénero libre. Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. A categoría de micromovies responde a traballos realizados coa cámara do teléfono móbil que non poderán exceder os 30 segundos de duración. Neste caso, a temática e o xénero son libres.

As cápsulas son unha nova modalidade de categoría baseada en pezas curtas cunha duración non superior aos tres minutos, na que se establecen tres subcategorías: musicais, promos e cápsulas de lingua. Ademais do anterior, as persoas inscritas no concurso, ao igual que o ano pasado, terán a posibilidade de crear unha bitácora de rodaxe. Ademais do anterior, pretendese seguir potenciando a páxina web creada con motivo do concurso www.curtasnarede.es que este ano integrará novas ferramentas como os videopodcast.

En canto aos premios, este ano aumenta a contía nun 40% con respecto á pasada edición. Así, contase cun total de 35.000 euros a repartir entre as diferentes categorías. Cada unha destas recibirá un máximo de 1.500 euros agás a categoría de animación que recibirá un tratamento especial tendo en conta o grande esforzo que implican os traballos. Así, neste formato, o primeiro premio estará dotado con 3.000 euros, con 1.000 o 2º, e con 500 o 3º. Como novidade para esta terceira edición atopase o premio especial do xurado e do público, así como os premios ao mellor guión e á mellor dirección.

Como broche final a esta edición, organizouse unha conferencia ofrecida polo director Guillermo Zapata, autor da curta Lo que tú querías oír, que a día de hoxe xa leva máis de 76 millóns de descargas a través da rede. No acto, que ten lugar no Club Internacional de Prensa, proxectáranse, ademais da exitosa curta, outra tamén da súa autoría chamada Y todo va bien.

Tras as proxeccións, Zapata dará conta do proceso de produción das súas obras e da súa promoción en internet. A convocatoria diríxese interesados no mundo da creación audiovisual e multimedia, que obterán pistas para moverse con máis soltura e éxito por internet.

R.