Ir o contido principal
iniciar sesión

Galician Connection reúne en la Cidade da Cultura de Galicia a siete de los grandes maestros de la World Music

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne na Cidade da Cultura, ata o venres 13 de abril, sete dos grandes mestres da World Music e destacados responsables de festivais internacionais no marco de Galician Connection. Xornadas internacionais de músicas do mundo, que arrancou no Gaiás.

Coordinado pola artista Cristina Pato e coa colaboración especial de Paquito D’Rivera –unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere con Chucho Valdés e gañador de doce Grammys–, Galician Connection ofrecerá ao longo destas tres xornadas un programa formativo exclusivo con clases prácticas e encontros con grandes mestres da World Music, foros e debates participativos e un concerto de clausura no Museo de Galicia.

“Serán tres días nos que o Gaiás reunirá a músicos galegos e doutras latitudes para establecer un diálogo cultural creativo a través da música”, asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a apertura do Galician Connection. Acompañado da directora artística do evento, a artista Cristina Pato, o secretario xeral foi o encargado de darlles a benvida aos participantes nestas xornadas e aos sete músicos convidados, figuras punteiras de músicas tradicionais de China, Asia ou Arxentina como Wu Tong, Sadeep Das ou Emilio Solla; o percusionista e director da The World Orchestra, o valenciano Josep Vicent; e destacados representantes da música galega como Anxo Pintos e Guadi Galego. Un elenco de luxo que se completa coa participación especial de Paquito D’Rivera, un referente indiscutible da música cubana.

Xunto con eles, na primeira xornada do Galician Connection, a Consellería de Cultura e Educación leva ata o Gaiás catro responsables de festivais de relevancia internacional pola súa concepción, solidez e grao de internacionalización no marco do Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible. Entre eles estará John X. Fernández, produtor da APAP (The Association of Performing Arts Presenters) Conference de Nova York, unha das feiras das artes escénicas máis importantes do mundo; Joan A. Cararach, director do Festival Internacional de Jazz de Barcelona desde 2003, un dos máis prestixiosos eventos jazzísticos de Europa con máis de corenta anos de andaina; o propio Sandeep Das, mestre da táboa india e director do The Hum Ensemble que, ademais dun festival, é unha plataforma multicultural que conecta as músicas do mundo; e Antón Martínez, director do Festival Son de Cuba que percorre anualmente as principais cidades e vilas alemás.

Moderado por Cristina Pato, este foro pretende abordar a música como factor de desenvolvemento económico e social, analizar os condicionantes e claves á hora de elaborar programacións musicais cun gran valor engadido para artistas e públicos e estudar estratexias de posicionamento internacional das diferentes músicas do mundo, con especial dedicación á música feita en Galicia.

Ademais da asistencia a ensaios e clases prácticas como os celebrados na mañá de hoxe, os inscritos en Galician Connection participarán nun programa de formación exclusivo onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns a través de encontros, como os que se levarán a cabo na xornada de mañá, xoves. Neles, cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal. Ademais, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que mesturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal.

O Museo de Galicia estrearase tamén o venres como escenario para concertos co Galician Connection ao Vivo, un concerto exclusivo no que viaxaremos a través dos estilos e culturas dos artistas convidados e que terá como bases a colaboración, a comunicación e o poder da música como linguaxe global. Un repertorio único orquestrado ao longo das tres xornadas de convivencia na Cidade da Cultura formado por pezas de cada unha das tradicións e culturas que representan os músicos convidados e que compartiron durante estas tres xornadas.

As entradas para a asistir a este concerto de clausura poden mercarse en www.servinova.com a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión ou no propio despacho de billetes da Cidade da Cultura media hora antes do evento a un prezo de 13 euros.

Fotografía: Xunta de Galicia.
R.