Ir o contido principal
iniciar sesión

Arranca en el Salón Teatro de Compostela el 20º Festival Internacional de Teatro de la USC

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) na organización do XX Festival Internacional de Teatro Universitario (FITU), para o que cede o Salón Teatro como escenario da programación que se desenvolve desde hoxe e ata o sábado 22. Cinco compañías de Galicia, Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica participan nesta vixésima edición do encontro, que ofrece unha función diaria ás 21.00 horas.

Como compañía anfitrioa do festival, a Aula de Teatro da USC abre esta carteleira co seu último espectáculo: ‘Apnea (variación 2ª)’, escrito e dirixido por Roberto Salgueiro, do que ofrecerá unha segunda función o martes 18. Estreada neste mesmo espazo compostelán o pasado mes de decembro, esta montaxe pode considerarse continuación do traballo que o propio Salgueiro asinara en 2003 e fora cualificado daquela como un “libreto coreográfico” cunha compoñente moi lírica e como unha obra “chea de emocións éticas e estéticas”.

A continuación, desde Norkfolk –no estado de norteamericano de Virxinia– chegará o Core Theatre Ensemble, compañía profesional residente na Old Dominion University, que o mércores 19 escenificará no Salón Teatro a montaxe ‘The Poe [N., Proj-ekt]’. Literatura, teatro, música e danza mestúranse neste espectáculo en constante evolución arredor dalgunhas das historias e poemas máis coñecidos de Edgar Allan Poe.

A achega internacional continuará o xoves 20 coa versión teatral da obra de Juan Ramón Jiménez ‘Platero y yo’ polo Teatro Rodante da Universidade de Porto Rico, mentres que o venres 21 será a quenda para o teatro lituano da man da Dramos Trupé Minimun, compañía da Universidade de Vilnius, que representará a traxicomedia ‘Circus’, de Juozas Grušas.

Esta vixésima edición do FITU chegará ao seu fin o sábado 22 co espectáculo ‘Le Dernier Godor (The Last Godot)’, de Matéi Visniec, a cargo do Théâtre Universitaire Royal da Universidade de Liexa, en Bélxica.

O Festival Internacional de Teatro Universitario dará paso ao equipo de ‘Longa viaxe cara á noite’, a nova produción que o Centro Dramático Galego (CDG) está a preparar cara á súa estrea o 22 de marzo. O Salón Teatro acollerá, pois, o último período de ensaios desta versión da coñecida obra de Eugene O’Neill, gañador de catro premios Pulitzer e do Nobel de Literatura, que Manuel Guede Oliva dirixe para a compañía pública con Gonzalo Uriarte, Luísa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na pel da familia Tyrone.
R.