Ir o contido principal
iniciar sesión

Fiesta 100% gallega: el Magosto no Gaiás une música y gastronomía con Taghaitaí y Cantigas e Agarimos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o 28 de novembro unha festa cento por cento galega cunha nova edición de ‘Magosto no Gaiás’, o ciclo co que a Cidade da Cultura mestura música e gastronomía. Neste 2014 será un único ‘Magosto no Gaiás’ que terá como protagonistas aos mestres gaiteiros no que pretende ser unha homenaxe a dúas grandes figuras: Basilio Carril e Xan Bello Mallou. A música virá da man da banda Taghaitaí, que mesturará cancións do seu álbum debut con temas compostos por Carril e Mallou, acompañados do coro e baile e das escolas de gaita de Cantigas e Agarimos, do que ambos os dous formaron parte, e de alumnos da Escola Libre da Música Popular Galega (ELMPG) de aCentral Folque.

O Museo Centro Gaiás será o escenario desta gran festa popular que, desde as 20 horas, ofrecerá unha degustación gratuíta de castañas a cargo da Cantina do Gaiás e a Indicación Xeográfica Protexida ‘Castaña de Galicia’. Xa no interior, a partir das 21 horas, será o momento da música con Taghaitaí, grupo formado por Edelmiro Fernández (o gaiteiro máis laureado de Galicia), Manolo Maseda (exacordeonista e cantante dos Diplomáticos de Montealto), Lola de Ribeira (voz e percusión) e Iván Costa (gaita e zanfona). Trátase dun grupo que bebe da tradición galega, que pon toda a súa enerxía nas actuacións, e que fará que o público forme parte activa do espectáculo, cantando e bailando ao son das súas melodías.

Os temas do seu esperado disco debut mesturaranse con temas compostos por Basilio Carril e Mallou, no que estarán acompañados de varios compoñentes da agrupación folclórica Cantigas de Agarimos, a través do seu coro e equipo de baile e de varios membros da escola de gaita.

Fundada en Santiago de Compostela no ano 1921, a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos dedicouse á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación e identidade cultural de Galicia. A agrupación, peza fundamental da sociedade compostelá durante o século XX, está hoxe formada por máis de 80 membros distribuídos nas seccións de coro, baile, pandeireta e instrumental.
‘Magosto no Gaiás’ conta cunha entrada única a un prezo de 6 euros, que pode mercarse no Punto On da Cidade da Cultura e en www.servinova.com (máis gastos de xestión).

O ‘Magosto no Gaiás’ deste 2014 quere renderlle unha homenaxe a un dos grandes mestres gaiteiros de Galicia no ano do centenario do seu nacemento: Basilio Carril, gaiteiro e artesán de instrumentos desde os anos 20. Con Basilio Carril naceu o artesán moderno, o gaiteiro e a gaita moderna ou concertante, apta para ingresar no conservatorio. De sona mundial, os seus instrumentos atópanse nas casas de particulares e museo de todo os continentes: Estados Unidos, Arxentina, Australia, Alemaña, Francia, Brasil e, por suposto, de todos os grandes grupos galegos de gaitas do momento.

Como intérprete, Basilio Carril tamén foi extraordinario. Formou parte de Cantigas e Agarimos como gaiteiro principal da formación e con ela viaxou por toda Europa e varios países de América Latina. Realizou numerosas gravacións entre 1964 e 1974 e gañou os principais concursos de interpretación da súa época (Ponteareas, Vigo, Ourense, Compostela, Porriño…).

Xan Bello Mallou, pola súa banda, é outro dos referentes fundamentais cando se fala da gaita en Galicia. No cabodano da súa morte, o ‘Magosto no Gaiás’ recorda tamén a figura dun home que destaca pola súa técnica interpretativa, na que sintetiza como ningún outro o estilo dos gaiteiros de Santiago e comarca. Boa parte das pezas do seu repertorio son hoxe en día clásicos estandarizados entre as novas xeracións de músicos profesionais e é un dos últimos representantes dunha xeración de gaiteiros que viviu a música tradicional como un feito natural, integrado nunha sociedade e que se transmitía seguindo a cadea de transmisión oral.
R.