Ir o contido principal
iniciar sesión

El Aula de Teatro de la Universidad de Santiago de Compostela (USC) estrena una adaptación del espectáculo de Broadway: Sweeney Todd

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Salón Teatro compostelán, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle o martes 2 de decembro ás 21:00 horas a estrea de A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet, a nova montaxe da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O espectáculo, con dirección escénica de Roberto Salgueiro e colaboración musical a cargo da Orquestra de Cámara da USC baixo a dirección de Mario Diz, é unha adaptación libre baseada no famoso musical de Broadway ideado por Stephen Sondheim, que tivo a súa versión cinematográfica en 2007 por Tim Burton e con Johnny Depp como protagonista. A obra narra a vida de Benjamin Barker, tamén coñecido como Sweeney Todd, un sinistro personaxe que asasinaba os clientes mentres os afeitaba coa navalla na súa barbería de Londres.

O Salón Teatro acollerá un total de tres funcións deste espectáculo, do 2 ao 4 de decembro, todas elas ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta previo paso polo despacho de billetes, que abrirá desde as 19:00 horas. Só poden retirarse dúas entradas por persoa.

Con esta estrea, o Salón Teatro retoma a súa programación escénica despois de ter dedicado o mes de novembro á proxección audiovisual como unha das sedes do festival internacional Cineuropa que organizou o Concello de Santiago. Despois das tres representacións de ‘A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet’, o mesmo escenario albergará a próxima semana varias funcións de grupos de teatro amador no marco do Festival Agustín Magán, que promove a Federación Galega de Teatro Afeccionado. A carteleira anual pecharase coa estadía da última produción do Centro Dramático Galego (CDG) ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que ofrecerá pases para público escolar e familiar entre o 9 e o 30 de decembro.
R.