Ir o contido principal
iniciar sesión

Partidos políticos y sindicatos manifiestan su apoyo a la movilización contra la reforma universitaria y el decreto del 3+2

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O secretario de Educación do PSdeG-PSOE, Vicente Docasar, trasladou o respaldo dos socialistas galegos ás protestas do ensino en contra da reforma universitaria do PP e confirma a súa presenza nas concentracións convocadas pola Plataforma Estatal pola Escola Pública para o xoves, 26 de febreiro.

Os socialistas galegos reclaman a retirada do Decreto 43/2015 que reforma a ordenación do ensino universitario oficial para impoñer 3 anos de grao e dous mais de master. Ademais reclaman unha comisión, no seno da Conferencia Xeral de Política Universitaria e do Consello de Estudantes Universitarios, que elabore un informe sobre os efectos da reforma.

Docasar esíxelle aos gobernos central e autonómico “que escoiten e atendan as suxestións da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas –CRUE-, que pediu practicamente por unanimidade a paralización da contrarreforma universitaria”. Ademais, reclama “que escoiten e atendan as peticións feitas pola Plataforma Estatal pola Escola Pública”.

Os socialistas galegos critican que “unha vez mais Rajoy e Wert, coa complicidade activa de Feijóo, afrontan unha reforma de calado sen realizar un proceso de diálogo previo co conxunto da comunidade educativa e sen escoitar absolutamente a ninguén”. Considera “unha barbaridade” a reforma sobre a estrutura do ensino universitario “sen ter feito previamente unha avaliación rigorosa da implantación do Plan Boloña”.

Ademais, amosouse “frontalmente en contra dunha reforma que vai permitir que un mesmo título poida ter duracións diferentes, perdendo a coherencia do sistema universitario e devaluando gravemente a calidade do ensino”.

Sinalou que “o auténtico obxectivo desta reforma é reducir o número de docentes, dificultar o acceso aos estudos superiores aos fillos e fillas das clases medias e humildes e favorecer os intereses das universidades privadas”.

O responsable socialista alertou finalmente que a reforma busca “camiñar cara unha universidade de dúas velocidades, para familias con medios económicos, que poidan financiar dous anos de master, e outra de só tres anos de grao para familias medias e humildes”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de AGE:

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) chama a participar o xoves, 26 de febreiro, na folga de ensino secundario e universitario convocada polos sindicatos estudantís.

Para AGE, cómpre responder nas rúas aos continuados ataques dos gobernos do Partido Popular, en Compostela e en Madrid, contra o ensino público, universal, de balde e en galego. Aínda esta semana, altos cargos da dereita neoliberal gobernante comezaron a intensificar as súas cotenadas contra a universidade ao falar dunha presunta “dificultade” de financiamento da mesma.
Así, Alternativa Galega de Esquerda conclúe que cada día hai máis razóns e motivos para contestar o deliberado proceso de destrución do ensino público do Partido Popular e por iso apoia e chama a secundar a folga estudantil do 26 de febreiro.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación do BNG:

O BNG advirte que o PP decidiu quitarse a careta e facer explícito no seu discurso que pretende acabar co sistema universitario público tal e como foi concibido ata agora: acceso universal ao coñecemento superior como peza clave da igualdade social e do desenvolvemento económico.

As declaracións da secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, e as do propio Wert asegurando que o sistema universitario público é inviable porque o alumnado non paga suficiente, supón para o portavoz nacional, Xavier Vence, “un xiro copernicano mudando a idea de que a universidade é unha peza clave para o desenvolvemento económico e social”. “Xa non agochan o seu discurso”, advirte o dirixente do Bloque.

Tras un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ao que tamén asistiu o candidato á Alcaldía de Vigo, Serafín Otero, salientou que é necesario “responder” a este “ataque sistemático porque é unha ameaza para o futuro da universidade pública de calidade e hai que respondelo con contundencia desde as universidades e tamén desde os grupos políticos”.

Neste sentido, explicou as propostas do BNG incidindo en dúas medidas concretas: dotar de máis financiamento ás universidades e oposición total ao decreto de 3+2, porque supón devalar a calidade do ensino para aqueles miles de estudantes que non podan pagar os elevados prezos dos postgraos. Por esta razón, a formación nacionalista propón que os prezos da matricula para os master sexan os mesmos que o prezo da matrícula para os graos.

En materia de financiamento, Vence fixo unha proposta concreta que implica unha dotación económica mínima de 450 millóns de euros anuais, - un 5,3% do orzamento autonómico con cifras de 2015-, fronte aos 374 millóns de euros deste exercicio, e garantir o persoal docente e investigador necesario, hoxe en risco pola taxa de reposición.

“No BNG estamos totalmente mobilizados para enfrontarnos a ese discurso de recorte porque é a dirección contraria á que hai que ir dunha sociedade e unha economía baseada no coñecemento”, argumenta, desde o convencemento de que a universidade ten que ser unha peza clave na formación de persoas, de creación de coñecemento e de investigación de utilidade para a sociedade e para as empresas.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de CC.OO. Galicia:

O Goberno central e os autonómicos, utilizando como escusa a crise económica, seguen recortando os recursos económicos e humanos do noso sistema educativo, malia que esta política de axustes non está acadando os obxectivos de aforro que di perseguir. Agora tócalle á universidade, para a que se planea unha reforma educativa que lle imprimirá un nesgo «clasista» e un marcado carácter privatizador, coa aprobación dun real decreto que modifica a duración dos graos e que xerará disfuncións pola diferente duración que poderían ter títulos iguais en función da universidade en que se cursen.

Así mesmo, a Federación de Ensino advirte que, se temos en conta os elevados prezos dos estudos de posgrao e as maiores dificultades para acceder ás bolsas, estas transformacións impoñen un marcado carácter clasista no acceso á educación superior e carrearán unha diminución significativa do número de estudantes universitarios.

Esta reforma encuberta da universidade comezou no 2012, cando o Goberno alterou a estrutura de prezos públicos, provocando que as matrículas universitarias se dispararan, e incrementou a dedicación docente do profesorado. Educación ameaza con culminar a reforma este ano, favorecendo a privatización dos estudos superiores e empeorando, cun regueiro de decisións regresivas, a difícil situación do sistema universitario.

Polo tanto, persisten os motivos para a mobilización e seguiraos habendo nos vindeiros meses, xa que estas políticas non saben de data. Por iso, desde a Federación de Ensino de CCOO apoiamos a convocatoria de folga das organizacións estudantís e facemos un chamamento á participación nas mobilizacións previstas para esas datas. Manifestamos que manteremos a mobilización, pois é a nosa obriga defender o ensino público e denunciar o interese que teñen os gobernos autonómico e estatal na destrución dun modelo educativo de calidade e equidade.
R.