Ir o contido principal
iniciar sesión

39 cortometrajes y videoclips compiten en el Festival de Cans entre el 20 y el 23 de mayo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Festival de Cans presentou este mediodía o programa da súa duodécima edición, do 20 ao 23 de maio na parroquia do Porriño da que toma o seu nome, cun total de 19 curtametraxes e 20 videoclips galegos a concurso. Xunto coa exhibición dos traballos que compiten polos 10 premios do certame, a organización volveu preparar este ano unha ampla oferta de actividades paralelas, entre as que hai actuacións musicais, pases especiais de longametraxes, presentacións de proxectos, proxeccións para o público infantil e a nova sección ‘Robobinando’.

Os responsables do festival desvelaron esta programación no transcurso dun acto no que estiveron acompañados polos representantes das diferentes entidades que, como a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), apoian esta duodécima edición. En concreto, a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subvenciona o evento cun total de 22.196 euros.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, interveu nesta presentación incidindo na crecente consolidación do encontro como plataforma para a promoción do audiovisual galego, ao tempo que destacou as súas orixinais fórmulas de promoción, “que redundan no estímulo profesional e na visualización dos traballos de factura autoría galega”, afirmou.

Segundo explicou, o apoio da Consellería de Cultura e Educación materialízase tamén a través da colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística no programa ‘Cans de futuro’, a través do que se dá a coñecer o evento entre os escolares galegos. Así, os centros gañadores da última edición do certame audiovisual de dinamización lingüística ‘Nos tamén creamos!’, na categoría de segundo ciclo de Primaria, visitarán Cans o día 22 para presentar os seus traballos no marco desta sección especial.

En canto ás curtametraxes a concurso, todas elas asinadas por directoras e directores galegos, as fitas seleccionadas abranguen unha ampla variedade de xéneros, que van desde o drama á ciencia ficción, pasando polo thriller, o cinema experimental, o bélico, a docuficción, a dramedia romántica ou o videoterror. Nesta categoría, onde se exhiben filmes rodados en diferentes idiomas e lugares do mundo, conviven nomes xa habituais no festival cos de novos creadores que están a comezar a súa traxectoria neste sector.

As curtametraxes serán valoradas polo xurado oficial, integrado por coñecidas figuras do audiovisual e da cultura galega en xeral (Nerea Barros, Antonio Mourelos, Mercedes Péon, Enrique Otero, Avelino González, Sandra Sánchez e Fran P. Lorenzo), ademais de polo xurado dos veciños. En canto aos 20 vídeos musicais seleccionados, o gañador será elixido por Henrik Röver, Ángel Sánchez, Tati Moyano e Juan Rivas.

Xunto coas seccións de competición, Cans vén desenvolvendo desde as súas orixes un intenso programa complementario, que este ano conta co director José Luis Cuerda e co actor Javier Gutiérrez (premio Pedigree 2015) entre os seus convidados. Tamén contarán con galardón asegurado este ano o director Alfonso Zarauza e o veciño de Cans Juan Maceira (“Juan do peso”), que recibirán os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime” pola súa especial implicación co festival.

Ademais, o público de Cans poderá asistir a varias preestreas e pases especiais de longametraxes, como ‘A cambio de nada’, coa que Daniel Guzmán acaba de gañar o festival de Málaga; ‘Meigallos’, de Virginia Curiá; ou ‘Torre de Breoghán’, de Jorge Coira, coa que se abrirá tamén un novo espazo musical: os Concertos da Placa. De feito, a música volverá ter unha destacada presenza nesta edición, cunha vintena de actuacións a cargo de Sidonie, Sés, Dos Tenedores Def Con Dos, Luar na Lubre, Adrián Costa, Quempallou ou Davide Salvado, entre outros.

No programa tamén hai cabida para os coloquios e as presentacións dos novos traballos e futuros proxectos de guionistas e directores como Dani de la Torre, Manane Rodríguez e Xabier Bermúdez, Miguel Barros, Alfonso Zarauza, Xacio Baño, Juan Galiñanes, Simón Casal, Pablo Romero-Fresco ou Cristóbal Arteaga. Así mesmo, proxectaranse en exclusiva as primeiras imaxes de ‘Rey Gitano’, de Juanma Bajo Ulloa, un filme que ten a súa orixe en Cans.

Entre esta ampla oferta, haberá unha programación especial para o público máis novo, con media ducia de proxeccións como parte do chamado ‘MiniCans’. En canto ás novas seccións, destaca a posta en marcha de ‘Rebobinando (se puidese voltar atrás)’, que será inaugurada polo director Ignacio Vilar e dous dos protagonistas do seu filme ‘A Esmorga’: Antonio Durán “Morris” e Migel de Lira.

Fotografía: http://www.festivaldecans.com/festival2/index.php

Más información: http://www.festivaldecans.com/festival2/index.php
R.