Ir o contido principal
iniciar sesión

UGT alerta de un aumento del paro juvenil en Galicia de cuatro puntos desde 2011, y cifra en 24.000 el número de jóvenes emigrados

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de UGT-Galicia:

A secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, e o secretario de Política Sindical, Relacións Laborais e Formación do Sindicato, José Domingo Barros, presentaron en Santiago o informe "A precariedade laboral da xuventude en Galicia". Esta análise contextualízase na grave situación económica que se está a vivir e as especiais dificultades ás que se enfronta a xuventude galega como consecuencia das regresivas políticas que o Goberno do PP está a impoñer, sobre todo, e no que respecta concretamente ao mercado laboral, a Reforma laboral. Esta empeorou as condicións de traballo, fixo diminuír a estabilidade no emprego e reducir a súa calidade. De feito, a temporalidade e o tempo parcial son os dous camiños polos que está a transcorrer a creación de "subemprego", unha tendencia que UGT-Galicia considera que hai que reverter xa.

Analizando polo miúdo os datos do informe presentado hoxe, estes reflicten que, en termos de emprego, as mozas e mozos galegos sofren unha gran desigualdade con respecto ao conxunto das persoas traballadoras e tampouco presentan unha situación vantaxosa con respecto á mocidade do conxunto do Estado.

Situación que se acrecenta coa entrada en vigor da Reforma laboral. Se se compara a taxa de paro (EPA) do segundo trimestre de 2011 (do 24,6 por cento de 16 a 34 anos), esta sube ata o 28,6 por cento no segundo trimestre de 2015, é dicir, catro puntos máis. Pero é que, ademais, no segundo trimestre de 2015 a taxa de paro da xuventude superaba en 8,6 puntos a taxa media galega do conxunto de idades. Así, hai nesta Autonomía un total de 96.700 persoas desempregadas menores de 35 anos.

O desemprego de longa duración tamén golpea á xuventude. Dende a aplicación da reforma laboral ata hoxe incrementouse a mocidade desempregada de longa duración nun 38,2 por cento, 12.400 persoas máis, e o 62 por centro non perciben ningunha prestación, fronte ao 48,80 por cento do conxunto de idades.

UGT-Galicia xa reiterou en varias ocasións que un dos grandes problemas do mercado laboral é a perda de poboación activa, motivada basicamente pola emigración laboral e o abandono da busca activa de emprego polo efecto desánimo e pola falta de oportunidades.

E os menores de 35 anos non son alleos a esta realidade. Todo o contrario, a poboación activa baixou en Galicia neste tramo de idade un 21,1 por cento dende a aplicación da Reforma laboral. Si é certo que hai un 5 por cento menos de inactivos pero esta contracción non palía a forte diminución dos activos. O Sindicato observa nesta circunstancia que cada vez son máis as persoas que din que non se rexistran nos servizos públicos de emprego porque consideran que non lles vai reportar ningún beneficio. Segundo os datos estatais, un 6,2 por cento da poboación inactiva de entre 16 e 34 anos considéranse potencialmente activos e desanimados.

A Reforma laboral tamén constituíu un duro golpe para a poboación ocupada. En tan só catro anos pérdese máis da cuarta parte da ocupación na mocidade, catro puntos máis que no conxunto do Estado. A mocidade galega ocupada baixa un 25,2 por cento, pasando das 323.100 persoas no segundo trimestre de 2011 ás 241.800 do segundo trimestre de 2015.

Outro dos indicadores que ensombrece a conxuntura do mercado laboral da mocidade galega é a forte temporalidade que soportan, do 47 por cento, fronte ao 25 por cento do conxunto de idades. Da contratación rexistrada no SEPE a menores de 30 anos no primeiro semestre de 2015, tan só o 6,6 por cento era de carácter indefinido, sendo no conxunto de idades esta porcentaxe do 8,22. Cifra esta última moi similar á que se rexistraba entre os mozos antes da entrada en vigor da reforma laboral. Neste punto cúmprese a máxima de que a menor idade maior porcentaxe de contratación temporal.

A parcialidade é outra lousa para os mozos galegos, o 68 por cento afirman que teñen un contrato a tempo parcial por non poder atopar un traballo a xornada completa. De feito, a parcialidade da xuventude sitúase 6,1 puntos por riba do conxunto da poboación. Aquí a reforma laboral tamén provocou efectos moi negativos. Se antes da súa aplicación, no segundo trimestre de 2011, a porcentaxe de poboación menor de 35 anos ocupada a tempo parcial era de 17,6 puntos, esta sube aos 20,8 no segundo trimestre deste ano.

Pero é que, incidindo aínda máis nas dificultades da mocidade, o informe presentado hoxe por UGT-Galicia apunta a que un 17 por cento da xuventude galega está en situación de subemprego por insuficiencia de horas traballadas. 40.700 mozos e mozas sofren esta realidade.

Se se fala de salarios, detéctase que a mocidade galega percibe un 9,4 por cento menos de salario ao ano que a do conxunto do Estado. Así, segundo o último dato dispoñible da Enquisa anual de estrutura salarial, correspondente ao 2013, os salarios da mocidade galega eran de 16.277 euros ao ano. No caso do Estado esta cifra ascendía aos 17.913 euros. Se a comparación se fai co conxunto de idades da nosa Comunidade autónoma, a porcentaxe duplícase ata os 18 puntos.

Non se pode perder de vista tampouco o SMI que existe neste país, dos máis baixos da UE, e ao que se acollen moitas empresas cando contratan a un mozo ou moza.

Se ben é certo que a medida que aumenta o nivel formativo da mocidade o desemprego diminúe, tamén hai que subliñar que o desemprego entre os menores de 35 anos con estudos superiores é maior en Galicia que no resto do Estado.

Entre os 16 e 29 anos a taxa de paro entre os mozos e mozas con estudos superiores é do 28,8 por cento en Galicia, fronte ao 26,5 por cento do Estado. Taxa que se eleva ata o 44,4 por cento cando se fala da mocidade con estudos secundarios obrigatorios en Galicia.

Entre os 30 e 34 anos as taxas de desemprego entre os mozos galegos con estudos superiores son do 18,5 por cento, fronte ao 15,8 por cento estatal, unha diferenza bastante significativa.

UGT-Galicia pregúntase cales son as características da educación deste país para que resulte tan difícil á mocidade ben preparada a obtención dun emprego. A crise económica engadiu outras dificultades, consecuencia dos recortes, que minguaron e incluso deterioraron os recursos asignados ás universidades ata o punto de poñer en cuestión a viabilidade de proxectos docentes de I+D+I ben orientados. Tamén hai que subliñar que Galicia sofre a maior caída no importe das bolsas universitarias no período 2008/2013, cun 21,32 por cento menos e esta é a única comunidade na que descende o número de persoas becadas.

Segundo o Observatorio de emancipación en Galicia, co salario dunha persoa nova non sería viable economicamente emprender a emancipación residencial. Unha persoa de menos de 30 anos debería percibir un soldo un 70,6 por cento maior para mercar unha vivenda sen que supoña máis do 30 por cento dos ingresos o pago da cota hipotecaria, limiar máximo de endebedamento tolerable.

A poboación galega emancipada de 16 a 29 anos percibe un 9,3 menos de salario que a poboación emancipada neste tramo de idade en España e no tramo de 30 a 34 anos é un 6,8 por cento inferior.

No último trimestre do ano 2014 a taxa de emancipación residencial das persoas menores de 30 anos en Galicia é do 19,6 por cento, mentres a media do Estado é do 21,5 por cento.

Galicia é a quinta Autonomía coa taxa máis baixa. A idade media de emancipación en España está no 28,9 anos, por riba da media europea que é do 26,1 por cento.

Medidas como a supresión no 2011 da Renda básica de emancipación e o recorte do 30 por cento no 2012 dos que xa a estaban cobrando parece que non axudan moito a paliar estas circunstancias.

No relativo aos procesos migratorios, as circunstancias que empurran á xuventude a emigrar son, tanto a falta de oportunidades do colectivo en situación de desemprego de longa duración, como aqueles mozos e mozas que, tendo emprego, ocupan postos de traballo que requiren menor nivel de formación do que eles teñen. Segundo os datos do INE, constátase que 1.091 mozas e mozos galegos de nacionalidade española fóronse ao estranxeiro no ano 2014, se ben é certo que este dato é aínda maior se se ten en conta a aqueles mozos e mozas que marcharon en busca dun emprego pero non acudiron a ningún consulado a rexistrarse como residentes.

UGT-Galicia conclúe da análise das estatísticas que a mocidade galega é unha das máis prexudicadas polo desemprego e por peores condicións de traballo, respecto dos traballadores de máis idade, así como, do mesmo colectivo a nivel estatal.

As políticas de emprego do Goberno, especialmente a Reforma laboral, non están logrando os obxectivos anunciados. Están a conseguir todo o contrario, empeorar as condicións laborais dos máis novos.

Por todo isto, UGT-Galicia demanda un plan de choque de emprego xuvenil que permita diminuír a taxa de desemprego e potenciar a creación de emprego en I+D+I, así como, aqueles empregos verdes con potencial nun futuro próximo.

Ademais, urxe terminar coas diferenzas salariais que sofren os máis mozos, sobre o resto da poboación traballadora; adecuar o posto de traballo á titulación da cada persoa e mellorar o sistema educativo vinculándoo ao sistema produtivo; conseguir a igualdade de oportunidades no mercado laboral; subir o SMI; reforzar os recursos dos servizos públicos de emprego; e potenciar o Sistema de garantía xuvenil en Galicia, con datos do Ministerio, a 31 de xullo de 2015, hai inscritas 3.608 mozas e mozos, o que supón tan só o 4 por cento do colectivo beneficiario, o que realmente demostra que o sistema implantado non están funcionando.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de UGT-Galicia
Informe completo: http://www.ugtgalicia.org/archivos/76c310INF_PRECLAB_XUV_2015.pdf
R.