Ir o contido principal
iniciar sesión

Notas

  • A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboran un ano máis co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na elaboración da versión en lingua galega do seu Calendario Científico Escolar. A UDC é a única entidade galega participante nesta colaboración, levada a cabo desde o ano 2019.
  • A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá o sábado 3 de febreiro a celebración da Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024). A cita está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia en colaboración coas tres universidades públicas galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.
  • Estudantes do Campus Terra da USC revitalizan o medio rural con GA-LINK, unha plataforma dixital premiada na terceira edición do Terra Creative Jam, a través da que se dá a coñecer ao público interesado a oferta de lecer, así como as distintas actividade e eventos programados nos distintos territorios da xeografía galega. Esta ferramenta xurdiu no evento de xeración de ideas promovido polo Campus Terra xunto coa Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.
  • O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago está a traballar nunha nova edición crítica das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, que estará acompañada dunha tradución ao galego actual, e que se editará en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O grupo aborda diferentes liñas de estudo vencelladas coa Idade Media e dentro delas a catedrática de Filoloxía Románica Elvira Fidalgo céntrase dun xeito moi particular nas cantigas.
  • Baixo o nome de Aerolab (Aerospace & Transportation Systems Laboratory) constituíuse no campus de Ourense un novo grupo de investigación. Aerolab nace co obxectivo de converterse nun referente no ámbito da enxeñaría do transporte, con especial énfase nos sistemas aéreos. Os obxectivos de investigación do grupo, sinalan desde a súa organización, atópanse dentro do alcance dos sistemas aeroespaciais e de transporte, considerando moitos aspectos diferentes.
  • O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentaron na aula CEMIT de Porto do Son a campaña AgasallaNós de doazón de voz para o Proxecto Nós. Trátase dunha iniciativa na que a USC colabora coa Xunta de Galicia e que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.
  • A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concluía esta mañá os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego do Ano 2023”, coa presentación do libro “Manuel Colmeiro (1818-1894). Profesor, científico social e activista”, coeditado pola RAGC e o Consello da Cultura Galega. A publicación conta con limiares da presidenta do Consello da Cultura Galega, do presidente da RAGC e de José Antonio Redondo, coordinador da mesma.
  • A Biblioteca Provincial acolleu hoxe a entrega de premios do certame #HoxeEscriboEn 2023. O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividad González, entregaron os galardóns ás persoas gañadoras: no primeiro posto, María Luisa Vidal Collazo, por “Estou aquí”, un relato referido a Ponteceso; no segundo, Diego Fernández Fernández, por “O desencravo”, sobre Betanzos, e no terceiro María José González López, por “El pazo de Goiáns”, de Boiro.
  • A Universidade da Coruña, a través de NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC, e a Fundación María José Jove, a través da plataforma dixital de difusión cultural da área de Arte da Fundación María José Jove (MUV), reuniron hoxe a máis dunha trintena de artistas e axentes culturais con motivo do II Encontro: “Dentro e fóra. Arte Contemporánea en Galicia”.
  • José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira foron recoñecidos este martes 19 co premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES). Amoedo e Sánchez-Carreira foron premiados polo artigo ‘Os efectos iniciais da COVID-19 nas desigualdades de renda en Galicia e a súa distribución na sociedade’, un traballo que veu la luz na Revista Galega de Economía.