Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • A guerra de Ucraína, o cambio climático, a inflación… o contexto de crise global ten múltiples repercusións en moi variados escenarios, entre outros no da igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. Este impacto da multicrise é un dos temas centrais que se abordan nas VIII Xornadas Universitarias Galegas de Xénero que se celebran en Vigo. A organización desta edición da cita das oficinas de igualdade das universidades galegas correspóndelle á UVigo e ten como lema Epistemoloxías feministas en acción.
  • O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá este domingo o último dos cinco concertos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou ao longo da súa vida, nos que se interpretan obras de compositores contemporáneos de Picasso, moitos dos cales foron coñecidos e admirados por el. Enmárcase nas actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño. Así, o domingo 11 de xuño a partir das 12,00 horas poderase gozar do cuarteto Bélle Epoque na Coruña, despois de que o ciclo musical puxese o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París.
  • A Fundación Cidade da Cultura programa para este Verán no Gaiás medio cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, campamentos urbanos, grandes espectáculos familiares de circo, maxia e rock e novas exposicións para gozar da arte dentro e fóra do Museo Centro Gaiás. Entre as novidades, destaca o regreso, logo do parón provocado pola pandemia, de Cidade Imaxinaria, unha das grandes actividades para toda a familia da programación da Cidade da Cultura. Toda unha xornada festiva de teatro, música, circo, xogos e obradoiros ao aire libre que porá o colofón final ao Verán no Gaiás.
  • Foron presentados os concertos de O Son do Camiño, que reunirá no Monte do Gozo a 42 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo os vindeiros 15,16 e 17 de xuño, e que ten vendido entradas a público procedente de 35 países. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán. O Son do Camiño contará coas actuación de Vetusta Mora, The Kooks, Xoel López, Leiva, Viva Suecia, Marlon, Duki, Ginebras, Bizarrap, Aitana o Maluma, entre outros.
  • A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia.
  • A Filmoteca de Galicia porá o foco neste xuño na produción cinematográfica do creador multidisciplinar Javier Codesal e na etapa alemá do director Douglas Sirk. Ademais, a carteleira para este mes tamén incluirá a estrea de catro películas realizadas polo alumnado participante no programa internacional Cinema en curso e daráselles continuidade tanto á mostra 7x7: novas películas checas como ao programa A/Z-Zulueta Inédito, ciclo sobre o director de Arrebato organizado en colaboración co festival coruñés (S8).
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a partir do próximo curso estenderase a dotación de Polos creativos a todos os colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas regradas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria. Deste xeito, salientou que “o cen por cen” dos colexios e institutos públicos e concertados galegos van dispoñer destes espazos tecnolóxicos nos que as e os rapaces traballan compentencias en ciencia, tencoloxía, enxeñería e matemáticas e que se estrearon por primeira vez no presente curso escolar.
  • Presentouse a nova edición do Festival Peregrinos Musicais, a iniciativa coa que ano a ano se contribúe a divulgar o traballo de novos intérpretes de música clásica. O programa deste ano, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 14 de xullo, incluirá un total de sete xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizada tanto por mozos como por artistas consagrados de carácter internacional de Ucrania, Alemaña e España. Os concertos celebraranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia, no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina, no concello de Ames.
  • A Cidade da Cultura pecha este xoves o programa de fomento da cultura científica Ciencia parece pero non é co catedrático Darío Villanueva, que afondará no pensamento crítico e uso da linguaxe. Esta será a última das conferencias dun ciclo que reuniu desde xaneiro reputados relatores. Neste tempo alcanzáronse unhas 5.000 visualizacións na súa retransmisión online e participaron preto dun cento de docentes no curso que acompaña ao ciclo. O catedrático Darío Villanueva, exreitor da Universidade de Santiago e expresidente da Real Academia Española, realizará un achegamento á investigación e reflexión sobre pensamento crítico, razón e fenómenos de manipulación a través do uso da linguaxe no seu relatorio Imposturas intelectuais e atropelo á razón.
  • Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen. En total, ofértanse 60 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. Os beneficiados aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.