Novas
-
O Consello da Xunta acordou manter a bonificación adicional do 50 % no transporte público autonómico ata xaneiro de 2024, `prorrogando durante seis meses máis, os descontos que vén aplicando desde setembro de 2022. Seguirá, xa que logo, achegando o 20 % da bonificación total. Esta bonificación do 50 % continuará a aplicarse no transporte interurbano de competencia autonómica, no autobús urbano de Pontevedra e de Ferrol –xa que os servizos se prestan con concesións da Xunta– e no transporte de ría entre Vigo e Cangas e Moaña.
-
No Pazo de Quián (Boqueixón), vense de clausurar a gala das Catas de Galicia 2023, na que o Conselleiro de Medio Rural felicitou aos premiados cos mellores viños, augardentes e licores tradicionais deste ano e destacou o papel do sector vitivinícola para levar a marca Galicia por todo o mundo e impulsar a economía no rural galego. No acto, o exconselleiro de Agricultura Fernando Garrido, recibiu o premio de honra en representación de todas as persoas que hai máis de 35 anos apostaron polo potencial do sector.
-
Estanse rexistrando importantes avances no desenvolvemento do proxecto GIFT -Green Infrastructure for Forest and Trees- de cara a establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde. Esta infraestrutura está concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da natureza e beneficien ás poboacións da contorna. O carácter innovador do GIFT, a desenvolver os vindeiros catro anos, reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.
-
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Emigración para o programa de lecer "Conecta Voluntariado Galicia" para que 20 mozos e mozas galegas residentes no exterior, de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado de Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro. O programa realízase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude, así como coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación.
-
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe co Consello Galego de FP para explicar a oferta de ciclos, másteres e programas formativos para o curso 2023/24. Un total de 42.174 prazas nun catálogo amplo e variado para dar resposta ás necesidades de todas as familias profesionais, sectores e territorios. Cómpre salientar que, do total das 42.174 novas prazas, 34.704 son na modalidade presencial, a maior oferta presencial da historia, e só 7.470 son a distancia. Ademais, haberá 1.482 grupos cursando Formación Profesional de xeito presencial e só 151 o farán a distancia.
-
As 42.174 prazas de novo ingreso que se van ofertar dan resposta ás necesidades de todos os territorios e sectores produtivos cun importante aumento da oferta na meirande parte das familias profesionais. En función das diferentes reunións mantidas cos sectores profesionais ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, prodúcense incrementos significativos nas prazas ofrecidas nas familias profesionais de Industrias extractivas (+221%), Enerxía e auga (+37%), Agraria (+22%), Marítimo-pesqueira (+19%), Informática e comunicacións (+19%), Imaxe e son (+18%), Edificación e obra civil (+17,5%) e Instalación e mantemento (+15%).
-
A Filmoteca de Galicia acolleu a estrea de tres documentais e un filme de ficción rodados polo alumnado dos catro centros de ensino participantes en Cinema en Curso 2022-23. Esta iniciativa internacional de pedagoxía do audiovisual, organizada pola asociación A Bao A Qu e coordinada en Galicia pola cinemateca da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, forma parte do Plan Proxecta para a Innovación Educativa da Xunta e na que participaron nesta edición 74 estudantes e 14 docentes de institutos e escolas de Betanzos, Cangas, Ponte Candelas e Cercedo-Cotobade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai contar o vindeiro curso 2023-2024 'coa oferta máis alta e numerosa de Formación Profesional' da súa historia ao contar con 42.174 prazas de novo ingreso, un 12% máis respecto ao ano académico que remata. 'Créanse 4.500 novas prazas, o que supón que a oferta medra en todas as áreas e todos os sectores', indicou Rueda. Rueda explicou que esta oferta foi deseñada a través do Plan Conecta FP Galicia que busca coñecer as necesidades do tecido produtivo galego 'e adaptar a oferta formativa ás demandas actuais das empresas'.
-
O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
-
Este ano son 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis (aulas do mar ou da natureza) os que acadan bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión medioambiental e os servizos ofrecidos. Logran por primeira vez este distintivo as praias de Caranza (Ferrol) e O Adro (Vigo) e recupérano a praia de Rodeira (Cangas) e o porto de Pedras Negras (O Grove). Ademais Galicia conta con 35 sendeiros con bandeira azul -entregadas no mes de febreiro- que a sitúan como a comunidade con máis camiños que acadan esta distinción de todo o país.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- 23
- 24
- …
- seguinte ›
- última »