Novas
-
A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía —desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson— e referentes da creación contemporánea máis actual. A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
-
Nos últimos tempos puidéronse consultar distintos borradores de Real Decreto sobre a proba de acceso á universidade. O 15 de marzo de 2023 fíxose público un novo borrador de Real Decreto, agora denominado “Proxecto de Real Decreto polo que se regulan as condicións para o acceso e a normativa básica dos procedementos de admisión aos ensinos universitarios oficiais de grao”, con previsión de aplicación nas probas de acceso á Universidade a partir do ano 2024. O devandito borrador non só incide nas probas, tal e como aparecía nos anteriores borradores, senón que incorpora cambios na normativa de acceso e admisión ás universidades públicas.
-
Este festival, volve a presentar un cartel con artistas de primeira liña: Nicky Jam, Jason Derulo, os irlandeses Two Door Cinema Club, Rels B, Sidecars. Tamén estarán Shinova E Danny Ocean. Este primeiro avance complétano Lali, Emilia, Vilán Antillano, Aleesha, Les Castizos, Samuraï e Berto. Xa neste avance vese a aposta do festival por aglutinar talento internacional, nacional e galego para volver ser un dos festivais máis importantes de toda España. O Morriña Fest afronta a súa terceira edición despois do gran éxito da primeira e a segunda cunha gran acollida por parte do público xa que, o ano pasado, máis de 40.000 persoas se deron cita para corear os temas dalgúns dos artistas máis relevantes do panorama actual.
-
Artistas nacionais e internacionais actuarán en Lugo os días 11, 12 e 13 de maio no marco do sétimo festival Fa Ce La Fest. Os concertos serán na sala Clavicémbalo e na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire -aínda queda algunha outra ubicación por determinar. Destaca a presenza da bilbaína La Bien Querida e os cantantes estadounidenses Micah P. Hinson e Ron Gallo. No apartado nacional figuran tamén Depresión Sonora (Madrid) e El Último Vecino (Barcelona); xunto con propostas de música internacional tan variadas como as dos Neatbeats (Xapón); The Shadracks (Reino Unido); Na Noise (Nova Zelanda); e Fee Reega (alemana afincada en Asturias).
-
O Festival RESIS, creado no 2018 polo compositor coruñés Hugo Gómez-Chao é un extraordinario evento artístico que se sustenta na integración de propostas musicais de vangarda co patrimonio e os espazos naturais da Coruña, achegando a música contemporánea á cidadanía. A cita musical, considerada como un dos mellores eventos de música contemporánea de España, mantén o alto nivel dos programas anteriores.
-
Inaugurouse hoxe o congreso Mo_Cidade, cun amplo programa de actividades dirixido ao persoal técnico, con xornadas de traballo específicas o xoves e venres; e á xuventude galega, con programación propia o venres pola tarde e o sábado todo o día. O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) será o escenario ata o vindeiro sábado día 25 de charlas sobre o mundo gaming ou o emprendemento, talleres formativos e actuacións musicais, entre outras actividades.
-
Máis de medio cento de actividades paralelas arrouparán a grande exposición Picasso branco no recordo azul que se inaugurará este xoves no Museo de Belas Artes da Coruña e coa que reivindica a pegada galega na traxectoria do artista. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o comisionado da Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, Carlos Alberdi, xunto con Malén Gual en representación dos comisarios, ofreceron hoxe unha rolda de prensa da exposición, a única mostra da Comunidade enmarcada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso.
-
O conselleiro de Cultura presentou na Conferencia Sectorial de Educación as alegacións de Galicia ao proxecto de real decreto de Ordenación do Sistema de Formación Profesional, centradas na falta dunha memoria económica e nas dificultades que se pon para incorporación de persoas expertas dos sectores produtivos como docentes. Tal e como sinalou o conselleiro, o proxecto de real decreto non supón grandes novidades para a FP galega, 'dado que xa se están aplicando a maior parte das medidas desde hai tempo. De feito en Galicia xa se incorporou no currículo un módulo inglés nos currículos implantados nos últimos cursos, xa existen as dobres titulacións, a FP Dual xa está deseñada a medida das empresas e nos centros educativos xa se ofertan accións formativas para desempregados'.
-
A Xunta de Galicia regulará o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, de acordo cos resultados do informe elaborado polas tres universidades públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento desta tecnoloxía. O reitor da USC, Antonio López, xunto cos reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, participaron no acto de presentación do estudo xunto ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. O estudo foi presentado por persoal experto das tres entidades.
-
Guerrilla Girls. Portfolio Compleat, 1985–2016 é unha escolma da produción desde mediados dos 80 ata 2016 do colectivo Guerrilla Girls, formado en Nova York en 1985 como un grupo anónimo de artistas de acción feminista. Definida polo propio colectivo como unha mostra da “conciencia do mundo da arte”, as obras incluídas na mostra aprópianse da linguaxe visual do márketing publicitario para transmitir as súas mensaxes feministas dunha forma directa. Coñecidas por utilizar máscaras de gorilas para ocultar o rostro, as Guerrilla Girls identificáronse co nome de mulleres artistas falecidas como Frida Kahlo, Eva Hesse, Paula Modersohn-Becker, Käthe Kollwitz, Gertrude Stein ou Georgia O’Keeffe, entre outras.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 20
- 21
- 22
- 23
- 24
- 25
- 26
- 27
- 28
- …
- seguinte ›
- última »