Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O proxecto EdugalIA se centrará en tres ámbitos prioritarios: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e a creación dun espazo común entre familias, centros e Administración. No primeiro deles, crearase un novo modelo de Administración educativa dixital que sistematice a información procedente de múltiples fontes e formatos e permita analizar máis axilmente cuestións como o abandono temperá e crear itinerarios especializados. O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital que acompañe ao alumno ao longo do seu tránsito polo sistema educativo. Este documento incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos ou sobre atención a necesidades específicas de apoio, entre outros.
  • O británico Paul Weller encabeza o cartel deste ano do Underfest SON Estrella Galicia, evento musical que converterá Vigo nun gran escenario ao distribuír os 14 concertos por diferentes recintos. O Museo Marco, o Auditorio Mar de Vigo ou as salas Masterclub e La Iguana Club son algúns dos espazos que acollerán os concertos entre este venres e o sábado. O Underfest abrirá a súa programación o venres ás 18,30 h no Panóptico do Museo Marco con Sam Amidon, cantante estadounidense referente do folk-rock; e continuará unha hora despois no propio centro expositivo situado na rúa Príncipe con Queidem, artista valenciano que presenta o seu álbum debut.
  • Foi presentada a oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade de prestixio na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) Neste ano vanse duplicar os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Actualmente unhas 13.000 persoas do sector TIC son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.
  • Este evento reunirá a artistas de máis de 15 países de todo o mundo (dos cinco continentes, desde Exipto ata India, pasando por Reino Unido, Portugal, Sierra Leona ou Australia, entre outros) proclamándose como un dos festivais de referencia en Europa pola súa programación arriscada e de vangarda. Ao longo de catro xornadas, WOS Festival x SON Estrella Galicia ofrecerá un completo programa con case unha trintena de espectáculos de arte sonora, entre os que se inclúen tres estreas mundiais, ademais de proxeccións de películas documentais e parladoiros.
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico vai aplicar as vantaxes da intelixencia artificial á Administración educativa dixital para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico único e habilitar un portelo único de comunicación da comunidade educativa. "Será a través do proxecto EdugalIA, un programa pioneiro e moi innovador xa que non se ten feito en ningunha outra comunidade autónoma", explicou.
  • O XIII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Trátase dunha das citas máis consolidadas da programación da Cidade da Cultura, da que forma parte desde 2011. Ata o momento teñen pasado por este encontro destinado a apoiar a novos talentos da creación contemporánea máis de 700 artistas. A apertura do EAN13 contou coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, do director Territorial Noroeste de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
  • A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVIII edición dos Premios Mans Futuro, que recoñecen a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores de música de Galicia e promoven a súa proxección. Este ano a convocatoria recupera as probas presenciais. Poderá concorrer a estes premios, financiados pola Fundación Paideia Galiza, o alumnado dos conservatorios superiores de música dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situados na Coruña e Vigo. Deberán ter sobresaliente ou matrícula de honra no traballo fin de estudos na especialidade de interpretación.
  • Presentouse a cuarta edición do Nachiños Fest, que terá lugar os días 8 e 9 de setembro no campo das Cabazas, en Covas, e que conta este ano con figuras internacionais como a banda londiniense Crystal Fighter que ofrecerá na cidade o seu único concerto en Galicia. Xunto a eles haberá outras caras coñecidas do panorama nacional como Alizzz, Cupido, Anabel Lee, Besmaya, Julia Nar ou Alison Darwin que compartirán escenario coas formacións galegas The Rapants, Galician Army e Berto. O Nachiños Fest aporta unha oferta musical diferente á temporada estival en Ferrolterra, a música indie, que conxuga con elementos tan identificadores da comarca como son o surf e a natureza.
  • O obxectivo do Club de Ciencia é proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por mergullarse nos diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.
  • Cultura no Camiño, ciclo de exhibición de espectáculos co que a Xunta dinamiza cada verán a oferta cultural dos concellos vencellados ás diferentes rutas do Camiño de Santiago, entra na recta final da súa 11ª edición con tres intensas semanas de programación que inclúen 73 actuacións artísticas. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coas entidades locais participantes, encárgase da xestión deste circuíto, que está a desenvolver desde o pasado 15 de xuño un cartel con máis de 300 citas escénicas e musicais distribuídas entre 88 municipios.