Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • A Amtega vén de publicar os gañadores dos concursos de debuxo e microrrelatos lanzados o pasado mes de decembro para contar coas achegas dos máis novos no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Estes certames congregaron a participación de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos. Na fase de votacións os internautas podía darlle o seu “gústame” ás composicións preseleccionadas polo xurado.
  • Resolveuse a convocatoria do concurso de deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e no que participou alumnado de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato e Formación Profesional cun total de 139 propostas de centros educativos de Galicia. O obxecto do concurso foi fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que permita visibilizar a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.
  • Os mozos galegos contarán cun novo Plan estratéxico de xuventude, con 125 medidas para os ámbitos do emprego, o rural, a creatividade, a formación, a participación e o Xacobeo 2021. Na súa elaboración tivéronse en conta as prioridades da mocidade, a través de encontros provinciais e de cuestionarios de valoración das políticas da Administración autonómica, que supuxeron contar coa opinión de máis dun milleiro de mozos. Entre as novas iniciativas que contempla o plan destaca a convocatoria, nas vindeiras semanas, dunha nova liña de axudas para a obtención do carné de conducir de tipo B e C , un dos principais requisitos para acceder a un posto de traballo.
  • Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica. A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade e aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real.
  • O ciclo de concertos Galicia Importa, renomeado na súa novena edición como Xacobeo Importa presenta a súa nova temporada que arranca con nove concertos ata finais de maio que configuran unha proposta heteroxénea e de gran calidade artística. A primeira destas citas será a que protagonizará mañá venres, ás 22,00 h., na Sala Capitol de Santiago de Compostela a banda norteamericana de stoner rock Monster Magnet, na que é a súa primeira visita a Galicia. O concerto de mañá insírese na súa xira europea Powertrip A Celebration! Plus Much More... na que o grupo orixinario de New Jersey está a celebrar o vixésimo aniversario do seu maior éxito discográfico.
  • Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.
  • O vindeiro 12 de marzo, a Cidade da Cultura acollerá o Foro Empresarial AJE Galicia 2020, un encontro para debater e coñecer novas tendencias en innovación e investimento, enfocado a mellorar a produtividade das empresas galegas. O evento reunirá a empresarios e institucións de toda España, de todos os sectores, e está dirixido a mozos e mozas emprendedoras e universitarias con vocación de crear a súa propia empresa; así como empresarios e empresarias, e organismos relacionados co mundo corporativo. O evento contará con relatores como o coñecido empresario, asesor e coach, Emilio Duró ou a empresaria coruñesa Yaiza Canosa, CEO da startup logística GOI e elixida en 2017 como unha das 30 persoas menores de 30 anos con maior proxección profesional pola revista Forbes (30under30).
  • Ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger, unha novela por entregas que retrata a vida dos mozos bohemios que habitaban o Barrio Latino de París a mediados do século XIX. Estreouse o 1 de febreiro de 1896 na cidade italiana de Turín, e a día de hoxe é a cuarta obra operística máis representada en todo o mundo. La bohème narra a historia de amor entre a modista Mimí e o poeta Rodolfo quen, tras sentir un namoramento repentino, comezan un romance. Mimí cae enferma e falece nos brazos de Rodolfo, non sen antes declararse a súa paixón mutuamente nunha das máis belas escenas de amor da ópera. O tenor coreano Alessandro Kim interpretará a Rodolfo e a soprano venezolana Marina Ortiz a Mimí.
  • O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.
  • O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar este martes, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral.