Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Escenas do cambio -o Festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción- arranca este venres cunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. O certame reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo. A polaca-canadensa Ula Sickle, unha das figuras de danza extrema contemporánea actual, abrirá o festival o venres 31 con Relay, unha peza que pon o foco na resistencia das mulleres na loita para defender e conservar os seus dereitos.
  • Esta nova programación estrutúrase inicialmente arredor de 13 ciclos e de oito semanas de cine. Promovidos pola Federación de Cineclubes a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos será seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións. Participarán os cineclubs de Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Val Miñor Alice Guy de Nigrán, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.
  • O MUMI, primeiro mercado de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal, está promovido por unha asociación de empresas, profesionais e colectivos do sector a ambas beiras do Miño, co obxectivo de crear unha ponte estable de intercambio musical entre os dous países. Nel daranse cita artistas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas ou empresas de servizos e produción para establecer novas redes de contacto e coñecer propostas diferentes en primeira persoa. A súa programación profesional incluirá actividades de formación sobre cuestións técnicas, xurídicas e de promoción, speedmeetings, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e de Portugal, e unha feira sectorial.
  • A Tarxeta Benvida destina máis de 36,2 millóns de euros para que as nenas e nenos nados en 2020 teñan acceso a axudas directas para contribuír a sufragar os custes que trae consigo o chegada dun novo membro á familia. Publicáronse hoxe as bases para a concesión desta axuda, que conta con catro importantes novidades. En primeiro lugar, para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes increméntase un 25% o importe da achega, coa finalidade de apoiar aos fogares con fillos no rural. En segundo lugar, duplícase a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, de xeito que recibirán 2400 euros anuais. Esta cantidade elevarase ata os 3000 euros en caso de que vivan nun concello rural.
  • Desde o ano 1995, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! ( PNO! ) vén desenvolvendo unha innovadora experiencia de comunicación con centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal, descubrindo un patrimonio común compartido. Para conmemorar os 25 anos da Asociación, o colectivo convida ás emisoras de radio e ás escolas da Eurorrexión a participaren no maratón radiofónico que terá lugar o vindeiro 27 de marzo. O evento principal deste 25 aniversario da innovadora experiencia de radio interescolar e patrimonio inmaterial vaise transmitir en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes, unha das cales estará no campus da Universidade de Vigo.
  • '21 Días co galego e +' é un programa baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, se fixo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua. En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP.
  • Tanto familias, como profesorado, alumnado e o persoal non docente que traballa nos centros escolares de Galicia coinciden en sinalar que, en xeral, existe un bo clima de convivencia nas aulas e tamén en que se constatan melloras nos últimos anos. Así se desprende dos datos da segunda edición da Enquisa sobre Convivencia Escolar realizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e cuxos resultados foron avanzados hoxe na reunión do Consello Galego da Convivencia que presidiu a conselleira Carmen Pomar. Pomar explicou que a enquisa é unha ferramenta importante para testar a convivencia escolar, ver a evolución no tempo e a partir de aí poder implementar medidas axeitadas para a eliminación de todo tipo de condutas contrarias á convivencia.
  • O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, promovido polo grupo de innovación docente homónimo da USC, comeza este venres 10 a súa andaina coa sesión inaugural da ‘VI Xornada para profesorado’, que suporá que ducias de docentes de ensino medio de toda Galicia recibirán no Campus de Lugo formación específica sobre proxectos de experimentación e innovación científica que despois trasladarán ás aulas dos seus institutos e colexios para espertar vocacións científicas entre a mocidade. O proxecto XuvenCiencia incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE.
  • Galicia iniciará neste 2020 a universalización da educación infantil, que permitirá que a partir do 1 de abril as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan gratuítas para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos. A gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas 173 escolas públicas da Xunta como nas 260 escolas infantís privadas e de iniciativa social, tanto nas que xa están concertadas a día de hoxe como nas que non o están. Esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás familias duns 12.500 nenos. Ademais, a partir do próximo curso o Goberno galego tamén achegará fondos para facilitar que as escolas infantís municipais poidan introducir a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos.
  • As nenas e nenos galegos nados a partir do un de xaneiro xa teñen dereito á Tarxeta Benvida coas diferentes melloras introducidas para seguir apoiando a crianza e coidado dun bebé. As pequenas e pequenos nados desde o primeiro día deste 2020 verán nesta axuda importantes novidades como o aumento da contía as familias numerosas ou das que viven no rural. En canto as melloras xa implantadas, increméntase un 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes, para apoiar aos fogares con fillos no rural. Duplícase tamén a cantidade que perciben as familias polo seu terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, de xeito que recibirán 2400 euros anuais.