Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– bota a andar mañá ás 21,00 horas coas composicións íntimas e vitalistas de Fon Román, ex guitarrista do coñecido grupo Los Piratas, e para o que xa están todas as entradas-convites esgotadas. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia, e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección. Os concertos celebraranse ás 21,00 horas os xoves, do 9 de xullo ao 3 de setembro, e neles está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.
  • Os concertos regresan esta fin de semana á Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en 20 salas de 14 localidades, que ofrecerá 250 actuacións de moi diferentes estilos ata final de ano. Esta cifra supón un incremento dun 22,6% na súa carteleira anual, que nesta ocasión se concentra principalmente no segundo semestre tras a reprogramación das citas adiadas pola declaración do estado de alarma. Mantense, así mesmo, a progresión ascendente do seu orzamento, que este ano se incrementa nun 17% para situarse preto dos 200.000 euros, dos que un 90% corre a cargo da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante é asumido polos 20 locais privados asociados ao circuíto.
  • De acordo con este Plan, que pretende contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da independencia económica co obxectivo de lograr unha integración plena na vida económica e social, 38 entidades locais galegas contratarán a 68 mulleres que sufriran violencia de xénero. Trátase dun programa pioneiro que se puxo en marcha o pasado ano por primeira vez en Galicia grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As contratacións deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social.
  • As persoas que queiran solicitar o voto por correo poden solicitalo persoalmente nas oficinas de Correos. Ademais, habilitouse tamén a posibilidade de solicitalo vía telemática, a través da web de Correos, e mediante o uso dun certificado electrónico. O procedemento é totalmente gratuíto. Logo de solicitalo, a Oficina do Censo Electoral enviará aos electores, antes do 5 de xullo, a documentación necesaria para poder votar.
  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, do Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid-19 que, cun orzamento de 83 millóns de euros e 241 novas prazas sanitarias, estará orientado a incrementar o número de profesionais e dispositivos asistenciais, desenvolver programas para a recuperación das persoas con trastorno mental severo e fomentar a investigación nestas patoloxías, concretados en 98 proxectos. “É o maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Servizo Galego de Saúde, cun potente impacto no que se refire a recursos humanos”, salientou.
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na posta en marcha do laboratorio de proba de voos impulsado por Boeing no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) a contribución da multinacional para consolidar este centro como un referente no ámbito dos avións non tripulados, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Esta infraestrutura enmárcase no proxecto Galician Skyway, centrado na busca de solucións tecnolóxicas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais.
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 16M€ a esta a orde de axudas directas que se enmarca no Plan de reactivación económica de Galicia e que vai en liña coa Estratexia do Autónomo. O Cheque Autónomo Seguimos Adiante financiará o 100%, cun límite de 1.800 euros, de gastos en loxística e transporte de envíos, pagos por estar nunha plataforma de e-commerce local, pola licenza de uso de software de venda online, gastos correntes de seguridade, ou de subministracións e telecomunicacións. Poderán efectuarse anticipos e cubriranse importes realizados desde a declaración do estado de alarma.
  • O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ven de presentar a actualización do Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes do coronavirus, logo da reunión celebrada pola Comisión de xestión da crise sanitaria. O plan é froito do traballo do grupo de expertos, e ten como obxectivos definir o marco de actuación para a toma de decisións, así como establecer as medidas en materia de vixilancia, prevención e control dos casos que xurdan. Tal e como destacou o conselleiro, o control dos casos faise dende a Central de seguimento de contactos. A entrada de casos á central realízase dente atención primaria, así como dende o 061 ou dende o novo teléfono posto en marcha pola Xunta de Galicia 881 00 20 21, para atención ás persoas que visiten a nosa Comunidade Autónoma.
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na mesa industrial de Alcoa San Cibrao, na que reiterou que para evitar o despedimento de 534 traballadores da planta –ademais dos empregos indirectos afectados– é preciso que o Goberno ofreza a curto prazo un prezo eléctrico competitivo. Tras a reunión, Conde incidiu en que as medidas adoptadas polo Goberno son insuficientes e explicou que os contratos bilaterais non impide o peche da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, xa que os seus efectos empezarían a notarse a medio e longo prazo.
  • O Presidente Feijóo, no decurso da presentacion, gabou o compromiso do sector da Automoción para converter Galicia nun polo de Loxística industrial que permita reducir custos, manter o emprego e atraer novos investimentos. Valorou esta iniciativa que, apoiada por múltiples clústeres, conta cun emprazamento estratéxico: a Plisan, que mira cara á Portugal e cara á Meseta, a través de Ourense, e que está preto da Zona Franca de Vigo, e animou ao sector da automoción a seguir apostando pola innovación, “porque estamos convencidos de que con innovación e con loxística este sector vai seguir crecendo e xerando emprego, e volverá ás exportacións anteriores á covid-19”