Novas
-
A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia. Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria. -
Un total de 141 centros de toda Galicia desenvolverán este curso o programa de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva desta iniciativa, que leva consigo unha dotación a estes centros de 162 profesionais, entre profesorado de primaria e secundaria e especialistas en pedagoxía terapéutica. O ARCO, que pode ser complementario cos contratos-programa, ten como obxectivo implicar o grupo de clase nas actividades de reforzo, co fin de conseguir o máximo desenvolvemento emocional, intelectual e social do alumnado. -
Afundación, a Obra Social de ABANCA presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini (ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger), o día 27 de febreiro; e de L’elisir d’amore, de G. Donizetti (ópera bufa en dous actos que presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido), que chegará o día 13 de marzo. -
Unha masterclass de física de partículas, impulsada polo Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE), serviu de punto de partida ao programa de actividades que a USC desenvolve co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Con esta clase maxistral, achegouse ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así o labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Para comezar, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu, pola súa banda, a mesa redonda ‘Muller de ciencia’. Con todo, diferentes iniciativas nesta mesma liña iranse desenvolvendo ao longo de todo o mes de febreiro. -
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede CeMIT súmanse un ano máis á celebración do o Día de Internet Segura, con preto dun centenar de actividades durante o mes de febreiro cunha duración de máis de 500 horas. Este ano a data celébrase baixo o lema “Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprenderemos ciberseguridade”. A conmemoración desta xornada, que conta co apoio da Comisión Europea, ten a súa orixe no ano 2004 e, desde ese momento, mobiliza a millóns de persoas en todo o mundo para promover e debater sobre o correcto uso de Internet. Charlas, cursos e ciclos de seminarios online son algunhas das actividades ofertadas durante todo o mes. -
O proxecto Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia, posto en marcha pola Deputación Provincial de Lugo en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, arrancará o día 17 cunha conferencia sobre a ameaza dos plásticos para o mar. Por outra banda, o pazo de San Marcos acollerá obradoiros científicos e exposicións ata o 22 febreiro e do 23 ao 29 de marzo celebraranse as actividades na Casa da Cultura de Monforte de Lemos. Polas mañás, participará alumnado de Secundaria no taller 'Pescando a Ciencia' e de Primaria no obradoiro 'Viaxe ao Centro do Oceanográfico', mentres que pola tarde as actividades estarán abertas ao público en xeral. -
Celebrouse a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria coa participación de representantes das bibliotecas de xestión autonómica, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, das bibliotecas escolares de ensino non universitario e das asociacións de bibliotecarios. Durante a sesión déronse a coñecer os datos relativos a GaliciaLe 2019, a plataforma de préstamos de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas e que ten como obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura en calquera momento a través dos seus catálogos en galego e castelán. Así, no pasado ano rexistráronse un total de 56.144 préstamos, un 62% máis que en 2018. -
Escenas do cambio –o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura– encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular. O festival desprazarase ao casco histórico de Santiago para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.000 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu. -
A Rede Galega de Música ao Vivo desenvolverá a súa programación de 2020 en vinte salas privadas de toda Galicia como resultado da convocatoria de admisión posta en marcha a finais do ano pasado pola Agadic. As propias salas serán as encargadas de configurar as súas respectivas carteleiras ao abeiro deste circuíto de música en directo. Na relación de locais participantes figuran catro novas incorporacións á Rede Galega de Música ao Vivo respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño e Auriense de Ourense. Neste circuíto, promovido pola Xunta en colaboración coas asociacións Clubtura e Músicas ao vivo, ten cabida unha ampla variedade de estilos musicais, cun gran protagonismo dos grupos galegos. -
Galicia pechou o ano 2019 coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa desde que existen rexistros, un 12,6%. Este dato supón que o sistema educativo galego foi quen de reducir a súa taxa de abandono en máis dun 50% en só unha década, do 25,8% rexistrado no 2009 ao 12,6 de media do ano que vén de rematar. Cúmprese así o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixado nun 15%. O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 51
- 52
- 53
- 54
- 55
- 56
- 57
- 58
- 59
- …
- seguinte ›
- última »

