Novas
-
A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes lle propón ao público 36 novas citas cinéfilas. Destaca, entre elas, a visita do cineasta finés Aki Kaurismäki, quen estará o mércores 7 de febreiro ás 20,30 horas na sede da cinemateca da Xunta na Coruña para presentar a súa última longametraxe, Fallen Leaves. A fita, que é xa o seu maior éxito en España con máis de 110.000 espectadores e aínda se atopa en cartel en moitas cidades, poderá verse con subtítulos en galego como parte da retrospectiva que a Filmoteca de Galicia lle dedica ata o mes de abril. Xunto co arranque deste ciclo, a nova carteleira mensual tamén porá o foco no realizador galego Lois Patiño, ademais de lle dar continuidade ao especial co que repasa algúns dos títulos esenciais de Wim Wenders.
-
Arranca a dotación de Puntos Laranxa contra o acoso escolar nos Espazos Xove da comunidade autónoma. Esta iniciativa pretende fomentar a tolerancia cero ante calquera conduta contraria á convivencia, e en reclamar a implicación do conxunto da sociedade na loita contra o acoso. En total está prevista a colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar en todos os colexios e institutos públicos galegos, nos Espazos Xove e nas residencias xuvenís e de estudantes. Estes puntos contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles, e funcionan a modo de caixa de correo a través da cal a mocidade pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso.
-
O principal obxectivo do programa Fly The Future é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia. Avincis, cunha importante presenza na comunidade, é un dos socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial de Galicia, onde está a desenvolver un programa de I+D en colaboración coa compañía Telespazio centrado en dar resposta a retos relacionados coa biodiversidade a través de tecnoloxías de sistemas non tripulados.
-
Galicia reduce ata o 8,8 % o taxa de abandono educativo temperá correspondente ao ano 2023 e adiántase sete anos ao cumprimento do obxectivo do 9 % fixado pola Unión Europea para o ano 2030. Así o confirman os datos do Instituto Galego de Estatística, á falta de coñecer as cifras comparativas con España e co resto das comunidades autónomas. Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8), o abandono temperá en Galicia reduciuse en 17 puntos, ao abeiro de programas de mellora impulsados desde o Goberno galego que fan fincapé en piares fundamentais como son o reforzo das competencias académicas con especial atención a quen máis o precisa, o fomento do bo clima nas aulas, o labor de orientación para a elección dun itinerario formativo e o reforzo da FP Básica como garantía dunha saída profesional.
-
Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles. O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros. Para xestionar o buzón, cada centro educativo terá un equipo de actuación contra o acoso escolar.
-
O ciclo Clásicas Desfeitas, promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, presenta en febreiro un novo Hamlet que mestura a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos para crear unha nova obra de teatro itinerante na que o público participa directamente no desenvolvemento da trama. Logo de catro anos e once producións, Clásicas desfeitas consolídase como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo a ollada da linguaxe escénica contemporánea. Rosalía de Castro, Sor Juana Inés de la Cruz, Gil Vicente, Virgina Woolf, Albert Camus ou Sófocles son algúns dos nomes sobre os que xa traballaron as artistas galegas e internacionais participantes.
-
A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana unha selección do mellor cinema para público miúdo coa oitava edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países repartidas nas xornadas do venres 26, o sábado 27 e domingo 28. Ademais de gozar en familia dos filmes, os nenos e nenas tamén se converterán en pequenos críticos de cine, xa que será a cativada a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
-
A Cidade da Cultura volve celebrar a súa tradicional festa de Entroido convidando ao público a unha divertida tarde familiar. A música de Brais das Hortas e un gran baile de disfraces, con DJ e temática relacionada coa horta, serán os grandes protagonistas. O Entroido na horta celebrarase na tarde do luns 12 de febreiro no Museo Centro Gaiás dende as 16.30 ás 20.00 horas. O programa festivo comeza con música a cargo dun DJ para ir quentando motores e dar paso ás 17.30 ao concerto cheo de humor de Brais das Hortas. Ás 18.30 será o momento para dar boa conta do enxeño dos participantes que queiran mostrar os seus disfraces nun desfile no que non faltarán os premios á orixinalidade. Ás 19.00 retomarase o baile, acompañado de animación, para seguir gozando ata o fin de festa.
-
A nova edición do Morriña Festival terá entre os seus cabezas de cartel artistas como Aitana, Louis Tomlinson -que fora integrante de One Direction- ou Yandel, entre outros. O festival celebrarase o 26 e 27 de xullo e celebra este ano a súa cuarta edición. Ademais o festival contará con La La Love You, o galego Sen Senra, un dos artistas con máis talento da súa xeración. Completan a listaxe, entre outros, os barceloneses Doria ou unha das promesas musicais do momento, o dúo Marlena xunto con un dos maiores talentos da música española da actualidade, o madrileño Dollar Selmouni. Xunto a eles tamén estarán Enol, Yeico x Toni, Trashi e Garabatto.
-
A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022. Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- …
- seguinte ›
- última »