Novas
-
Segundo os datos estatísticos do Informe anual de inserción laboral do alumnado de FP, que nesta ocasión analiza a situación dos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019-20 en Galicia, o 85,4% dos titulados de FP estaban traballando no período 2019-20, o que significa un crecemento do 0,8% con respecto ao último estudo publicado ata o momento relativo ao período 2017-18. No caso da FP Dual -onde os estudantes combinan formación académica con formación práctica nas empresas dos respectivos sectores-, a porcentaxe de empregabilidade acada o 97%.
-
As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura. No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións.
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte. En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
-
A Cidade da Cultura acolle neste primeiro mes do ano unha selección do mellor cine para público miúdo cunha nova edición de Pequefilmes, o festival internacional de curtametraxes infantís que proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países, o 26, 27 e 28 de xaneiro. Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico da rapazada, que será a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
-
A Filmoteca de Galicia inicia as proxeccións da súa primeira carteleira mensual de 2024, na que sobresae a retrospectiva que se lle dedica ao director nipón Masahiro Shinoda, en colaboración coa Fundación Xapón. Esta escolma insírese na sección Esenciais da cinemateca da Xunta, no marco da que tamén en xaneiro arranca un especial sobre o realizador alemán Wim Wenders, que terá continuidade en febreiro. Este mes conclúe, ademais, o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini, proxéctase a terceira entrega de Cancións de Pedro Costa e ponse en marcha a nova sección Materiais para una historia do cinema en Galicia, co obxectivo de lle dar unha maior visibilidade ao patrimonio audiovisual que conserva o arquivo da Filmoteca.
-
A Cidade da Cultura de Galicia pechará o 2023 organizando máis de 700 eventos e actividades culturais. Con estas cifras despide un ano no que arrincou a construción do Centro galego de artes dixitais, e no que o Gaiás volveu situarse entre as tres institucións da Comunidade mellor valoradas polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Á espera dos datos de decembro, a Cidade da Cultura rematará o 2023 superando en máis dun centenar o número de eventos e actividades que acolleu en 2022. O incremento amosa os avances na consecución dun dos obxectivos do seu II Plan Estratéxico: consolidarse como ferramenta no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.
-
A iniciativa Acende o Camiño de Santiago enmárcase nas distintas accións que ten en marcha Turismo de Galicia nestas datas co seu produto de promoción Nadal en Galicia, que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén en Nadal poñendo así en valor o seu potencial turístico. Inclúense os beléns de Valga e de Begonte, ambos de interese turístico, xunto a outros situados en distintos lugares de Galicia, así como mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.
-
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrecerá este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. As bibliotecas, museos e arquivos dependentes da Xunta de Galicia concentran máis de 60 actividades e exposicións para estas festas. Obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, actividades infantís, presentacións de libros, concertos e decenas de variadas actividades para pequenos e maiores ocuparán estas instalacións públicas durante as datas festivas. A programación completa pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.
-
Ponse en marcha a segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, ao abeiro da que 12 grupos e artistas emerxentes de Galicia verán impulsadas as súas carreiras mediante diferentes accións de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, que conta coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na súa xestión. Ao igual que na primeira edición, esta segunda escolma de bandas e intérpretes, seleccionada por unha comisión a partir das máis de 30 propostas recibidas, reflicte o gran potencial e variedade en canto a xéneros e estilos do actual panorama da música emerxente galega.
-
Na edición 2023 de Novos Poliedros resultaron gañadores sete institutos procedentes das catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma como agasallo. Ademais, nesta terceira edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo, e ao IES Nº 1 de Ribeira, na Coruña.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- …
- seguinte ›
- última »