Novas
-
A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá desde o 1 ata o 6 de outubro un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas. As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela. -
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades públicas galegas, de dez concellos e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, xa ten aberto o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema ‘Fachenda ao cadrado’. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen. -
O plan Eduemprende leva máis dunha década fomentando a cultura emprendedora no alumnado de FP, é un dos piares da estratexia educativa galega para promover a creación de proxectos empresariais e a innovación. A convocatoria do plan Eduemprende está actualmente aberta e finaliza o vindeiro 10 de outubro. Este, dirixido ao alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño, así como ao alumnado de Bacharelato, ESO e Primaria, ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento e facilitar a transición da vida académica á laboral. -
Galicia converterase na capital mundial da maxia do 3 ao 20 de outubro coa terceira edición do Festival Galicia Ilusiona. O Festival Mundial de Ilusionismo – Galicia Ilusiona comezará o vindeiro 3 e 4 de outubro en A Coruña, para continuar o 5 en Ourense; o 6 en Pontevedra; o 11 e o 12 en Santiago de Compostela; o 13 en Ferrol; o 18 en Lugo e finalmente, o 19 e 20 en Vigo. En total serán 20 sesións da maxia máis internacional. As entradas poden mercase aínda na web de Galicia Ilusiona. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación desta iniciativa que, encherá a oferta turística urbana do outono con sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia. -
A Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural (TechnoHeritage) celebrará a vindeira semana en Santiago de Compostela o seu congreso internacional, logo dunha primeira edición celebrada xa na capital galega en 2012. Nesta ocasión, o 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 desenvólvese conxuntamente ao 1º Encontro Bienal do Grupo Especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural (GEQP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). -
A cita inclúe os concertos que terán lugar en diferentes localizacións onde o mércores 2 de outubro actuarán no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a soprano Roberta Invernizzi, o tenor Marcello Nardis e Ars Atlántica dirixidos polo director Manuel Vilas. O sábado cinco será o turno de Concert le Phénix e Fernando Santiago na igrexa da Universidade, onde tamén estarán El Afecto Ilustrado e Adrián Linares o martes 15. O Teatro Principal acollerá o luns sete de outubro a Dolce Rima, o martes oito a Diego Ares e o sábado 12 a La Reverencia e a Andrés Alberto Gómez. Ademais haberá actividades como conferencias, club de lectura, proxección e improvisacións. -
A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións. -
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que Galicia está á vangarda de España na detección temperá das enfermidades raras, grazas, entre outras medidas, ao Programa galego de cribado neonatal que, con seu continuo incremento, converteuse no máis completo de todo o Estado. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego interveu no acto de clausura dunha xornada sobre a abordaxe das enfermidades raras en Galicia, na que se falou sobre os avances realizados e sobre os retos a afrontar. O Programa galego de cribado neonatal examinou en tres anos, dende o 2020 e ata o 2023, a máis de 463.000 neonatos, permitindo instaurar tratamento no prazo recomendado a 679 deles. -
Este domingo 22 a partir das 16,00 horas, o Festival Go! Go! Zo! abre as súas portas no Monte do Gozo para ofrecer a macroactuación organizada pola Casa do Rock con versións en galego de temas míticos do rock de sempre como Born To Be Wild, de Steppenwolf; Holiday, de Green Day; Believer, de Imagine Dragons, e o himno da mesma escola. Ao encontro, no que xa se prevén máis de medio milleiro de asistentes, pode participar calquera persoa, tanto cun instrumento como coa súa voz. O único requisito para facelo é inscribirse na web oficial da escola e descargar as partituras. -
A Rede Galega de Dinamización da Relación con Empresas ten como obxectivo promover un achegamento entre a Formación Profesional e as empresas, atendendo ás necesidades de persoal dos diferentes sectores produtivos e favorecendo a mellora da competitividade e o desenvolvemento do tecido produtivo. Esta rede actúa como un punto de unión entre o empresariado e os centros de FP, establecendo unha canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas. Neste curso, 41 centros de FP integrarán esta rede. A maior parte deles (18) son da provincia de A Coruña, mentres que hai 11 en Pontevedra, oito en Ourense e catro en Lugo.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »

