Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Os centros de FP galegos van contar este ano cun total de 100 aulas de emprendemento, 15 máis que no 2023. Con este programa, a Xunta de Galicia busca canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado para así mellorar as perspectivas laborais dos mesmos, fomentando o emprendemento e facilitándolles entrar en contacto con elementos e ferramentas do mundo laboral. Cun investimento de 500.000 euros este ano e un total de 1.380.000 euros desde o 2021, a iniciativa entronca cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década.
  • A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén de publicar a listaxe dos 250 mozos galegos do exterior que, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cursarán un mestrado nalgunha das tres universidades galegas durante o próximo curso. Estes 250 seleccionados proceden de 22 países distintos, destacando especialmente nesta oitava edición do programa A Arxentina, O Brasil, O Uruguai, Venezuela ou países europeos como o Reino Unido, Francia, Alemaña e Países Baixos. Entre os admitidos, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC).
  • O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, amplíase a máis centros e alumnos no próximo curso 2024-2025. A Xunta de Galicia publicou hoxe no Portal Educativo a resolución cos oito centros que se incorporan e os 45 que continúan neste programa. Trátase dos institutos IES Punta Candieira (Cedeira), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES de Cacheiras (Teo), IES de Rodeira (Cangas) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa); así como dos colexios CPR Plurilingüe Alca (Ames), CPR Plurilingüe Cristo Rey (A Coruña) e CPR Plurilingüe Las Acacias (Vigo).
  • O festival de monicreques tradicionais Titiriberia anunciou a programación completa da súa novena edición, que desenvolverá en Rianxo do 12 ao 18 de agosto. Desta volta, son 20 as compañías que compoñen a súa carteleira, que inclúe 30 funcións, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións. O programa deste ano, ademais de servir de escaparate para numerosas producións galegas, achega á nosa Comunidade outras interesantes propostas procedentes de República Checa, Portugal, Andalucía, Madrid e País Vasco. Viravolta Títeres, Títeres Alakrán, Teatro Airiños ou Trécola son outras das formacións galegas que representarán as súas últimas propostas na mostra, que inclúe dúas producións propias e sete coproducións.
  • O OUR Fest vén de presentar o seu cartel para o vindeiro 14 de setembro. Esta nova edición incluirá, entre outros ao cantautor británico Jake Bugg, a icónica banda escocesa Teenage Fanclub, a banda británica de post-punk Yard Act ou a emblemática banda española Los Enemigos, entre outros. O festival que marca o peche do verán celebrarase no recinto de Expourense e centrarase no rock alternativo, o indie e a diversidade de estilos. Tamén está confirmada a presenza de Miles Kane, recoñecido polo seu traballo en The Last Shadow Puppets e a súa carreira en solitario e a banda galego-madrileña Caballo Prieto Azabache.
  • O ciclo Atardecer no Gaiás, impulsado pola Fundación Cidade da Cultura, segue en agosto con dez novas citas musicais para os xoves e venres do mes. Esta semana o público poderá gozar do directo do influínte DJ e produtor portugués Branko e do grupo galego Amoebo. Branko presentará o xoves 1 de agosto Soma, un disco que convocou a algúns dos mellores artistas de Portugal, como Dino D'Santiago, Carla Prata, Jéssica Pina ou Teresa Salgueiro —vocalista de Madredeus—, entre outros. Sumando todos eles, o que fora un dos fundadores de Buraka Som Sistema deu forma a doce temas de electrónica cálida, diversa e tremendamente bailable.
  • Cultura no Camiño, o circuíto de espectáculos en 88 concellos das rutas xacobeas, continúa o seu percorrido ata finais de agosto con 140 novas citas escénicas e musicais previstas durante todo o mes. Completarase así a 12ª edición desta iniciativa, que arrancou o pasado 15 de xuño para ofrecer este verán máis de 300 actuacións de circo, danza, maxia, música e teatro a cargo de 140 formacións artísticas galegas. A carteleira de Cultura no Camiño, que se enmarca na campaña CulturON da Consellería de Cultura, caracterízase polo seu enfoque familiar, para todas as idades e gustos, desenvolvendo a meirande parte das representacións ao aire libre.
  • O Morriña Festival terá lugar o 26 e 27 de xullo e contará coas actuacións xa o mesmo venres de Louis Tomlinson, Editors, Nicki Nicole, Iván Ferreiro, Dani Fernández, Juan Magán, Sen Senra, Dorian, Marlena e Enol. O sábado 27 de xullo será a quenda de Aitana, Lola Índigo, La La Love You, Yandel, Iñigo Quintero, Dei V, Pedro Capó, Malmö 040, Dollar Selmouni, Yeico x Troni, Garabatto, Tashi e Toni Seijas. Trátase dun festival promovido por seus Bring the Noise, xa consolidado no noso panorama musical, e considerado o festival urbano máis grande de España, e que chega á súa terceira edición avalado polas boas cifras do ano pasado con máis de 15.000 espectadores cada un dos días.
  • O Gozo Festival, unha das grandes citas musicais e turísticas do ano en Galicia, logrou reunir na súa segunda edición máis de 60.000 persoas entre as dúas citas celebradas no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela este ano. O público asistiu desde 18 países diferentes de lugares como Irlanda, México, Finlandia ou Xapón. Promovido por Live Nation e Sweet Noctura co apoio de Turismo de Galicia, o Gozo Festival ofreceu concertos de 19 artistas e máis de 17 horas de música nas dúas citas que se celebraron no Monte do Gozo. O 6 de xullo foi a quenda de Ed Sheeran, que chegaba por primeira vez a Galicia, nunha xornada na que tamén se puido gozar de artistas como os colombianos Bomba Estéreo, a chilena-mexicana Mon Laferte, os alemáns Milky Chance, a italiana Angelina Mango ou as galegas Fillas de Cassandra.
  • O ciclo de espectáculos do Verán en Familia da Cidade da Cultura chega ao seu ecuador este mércores con Viva o Pop!, un concerto especial no que cativada e maiores bailarán ao ritmo dos grandes éxitos dos 80 e 90. Máis de 1.200 persoas asistiron xa ás actuacións musicais e de circo programadas neste ciclo, impulsado pola Xunta de Galicia dentro da campaña de actividades de estío para todos os públicos, CulturON. Viva o Pop! é un concerto a través do que rememorar a música que marcou a adolescencia de pais e nais cos máis pequenos da casa. Unha proposta de ocio da compañía Rock en Familia na que persoas de todas as idades poden vivir a experiencia da música en directo, ao tempo que descobren a historia das cancións dalgúns dos artistas e grupos máis relevantes da música pop contemporánea.