Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Foi inaugurada no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición Doazóns 2015-2023, na que se amosan 100 obras de artistas galegos do século XX -excepto dúas do século XVII- provenientes de 16 particulares que doaron nestes últimos oito anos pezas de importantes creadores. Esta mostra, que poderá verse no Museo ata o 30 de setembro, está pensada como unha continuación ou ampliación da exposición Doazón Tomás Barros, inaugurada o pasado 2 de maio. Entre os artistas representados en Doazóns 2015-2023 atópanse autores como Joaquín Vaamonte, Sotomayor, Manuel Abelenda, Lago Rivera, Laxeiro, Antonio Tenreiro, Sucasas, Úbeda, Lodeiro, Lugrís Vadillo, Elena Gago, María del Carmen Corredoira, Blanca López, Xaime Quesada ou Francisco Lloréns entre outros.
  • O equipo de investigación liderado polo investigador do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Edgard Camarós quedou sorprendido polo descubrimento de marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos nun antigo cranio exipcio, o que lles permitiu desenvolver novas ideas sobre como os antigos exipcios trataron a enfermidade. Estes achados, consideran, constitúen unha evidencia de que as sociedades antigas tentaron explorar e operar tumores hai milleiros de anos. 'Este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos', engadiu o autor principal do estudo, para quen 'esta é unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina'.
  • A mostra 'Outras historias posibles' é un proxecto que promove desde a Cidade da Cultura unha mirada diversa sobre a historia da arte contemporánea galega, reivindicando as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. A mostra reúne no Museo Centro Gaiás máis dun cento de pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha delas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente. A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en Outras historias posibles como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.
  • Foi presentada na Casa do Concello de Ribadavia a oitava edición de No bico un cantar, unha proposta que reunirá este venres a un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós coa interpretación de poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas. Esta proposta que adobía música, poesía e mocidade lévase celebrando ao abrente do verán dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia co obxectivo de unir a música e a tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios profesionais de música e os centros do ensino musical de toda Galicia. Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobrarán vida nas voces de nenas e nenos dos conservatorios das sete cidades galegas.
  • Foi presentada a Liga Xunta de Galicia de Break 2024, na que será a súa cuarta edición, e que terá lugar en nove sedes galegas e que contará coa participación dun cento de bboys e bgirls nas categorías de iniciación, intermedia e avanzada ao longo do ano 2024. Desde 2021, ano no que se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se lanzou a primeira edición da Liga Xunta de Galicia, o baile deportivo e o breakdance non deixaron de medrar como demostra a constitución da Federación Galega de Baile Deportivo en 2023 que hoxe conta xa con preto de 600 licenzas.
  • A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario escollido para o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). Durante o voo, que se prolongou máis de dúas horas, a cápsula MarumaSat mediu a velocidade do son a diferentes alturas e creou unha melodía que se obterá empregando ChatGPT para correlacionar notas musicais con algunhas das variables que mide a sonda como pode ser a presión ou temperatura, relacionando así a ciencia coa arte e a accesibilidade. Ademais, no momento do lanzamento ao que asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, a cápsula estratosférica levou unha mostra de ADN humano e dun fungo para ver a influencia que neles ten a exposición á radiación UV.
  • Tivo lugar a presentación da 15ª edición do festival (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña con máis de 130 proxeccións do audiovisual máis vangardista. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita consolidada xa como referente arredor do cinema experimental. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch –coa primeira gran retrospectiva tras o seu falecemento hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival– ou a estadounidense Margaret Honda.
  • Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.
  • A Xunta de Galicia está xa a tramitar os decretos que permitirán, a partir do vindeiro curso, que o alumnado de grao das universidades públicas galegas e os de ensinanzas artísticas superiores teñan a matrícula gratuíta. A media será aprobada no Consello a principios de verán, a tempo para o inicio do período de matriculación. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que recalcou que Galicia será a primeira Comunidade na que todo o ensino será gratuíto, desde a escola infantil ata a universidade.
  • A escritora Arantza Portabales recibiu o premio Clubs de Lectura 2024, por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.