Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Un ano máis, e xa van 5, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel ten o pracer de organizar o Courel Son, Jazz e Blues na Montaña. Serán catro grandes concertos en catro localidades distintas da serra, mantendo o obxectivo de dar vida a todos e cada un dos pobos do noso territorio, ao tempo que demostramos que, sexa a paraxe que sexa, dispoñemos dos mellores escenarios naturais. Este ano contamos, unha vez máis, coa imprescindible axuda económica da área de Cultura da Deputación de Lugo, pero tamén cunha aportación da Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes (AIE), que quere premiar con esta achega a orixinalidade da nosa proposta, na que non buscamos a masificación, senón a excelencia.
  • Un total de 40 empresas de sete comunidades autónomas presentaron propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa. Así o explicaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, esta mañá na xornada EdugalIA: o reto de transitar cara unha xestión do sistema educativo informada pola evidencia, na que se expuxeron os resultados da consulta preliminar ao mercado deste proxecto, un proceso aberto o pasado mes de setembro.
  • O Atlantic Fest terá lugar o 19 e 21 de xullo e contará coas actuacións xa o mesmo venres dos artistas Carlos Ares, The Parrots, Alcalá Norte, Rocío Saiz, Gazella e Grande Osso. O sábado 20 están previstas as actuacións dos Planetas, Crystal Fighters, Sílvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Derby Motoreta's Burrito Kachimba, Depedro, Cariño, Luis Fercán, Florent e Eu e Dani Dicostas. O domingo, último día do festival, actuarán Mika, Sidonie, Elefantes, Andrés Suárez, As Dianas, Grande Osso e Rocío Saiz. A pasada edición do Atlantic Fest obtivo unhas cifras de 30.000 asistentes, 300 postos de traballo creados de forma directa, e máis de 100 empresas involucradas na organización e realización do festival.
  • A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou na Coruña na presentación de The Key, escola de empregabilidade no ámbito das TIC do Grupo Nortempo. Alí salientou as vantaxes de apoiarse na intelixencia artificial para cubrir as demandas das empresas en relación coas necesidades de man de obra e atender as persoas que estean buscando activamente traballo. Nesta liña, salientou que a Xunta puxo en marcha a ferramenta software EMi nas 54 Oficinas de Emprego de Galicia para facilitar a conexión da oferta e demanda en tempo real mediante recomendacións baseadas na IA.
  • Tivo lugar a presentación da oitava edición do Rompetiño Fest, que contará coas clásicas competicións deportivas do Rompetiño -basket 3x3, break dance, BMX e skate-, todas elas disciplinas olímpicas, e coa participación de deportistas galegos como a skater Julia Benedetti, que estará en París nos seus segundos Xogos; os baloncestistas Marta Canella e Carlos Martínez que están nas seleccións nacionais de 3x3; a ciclista Ainoa Posada, campioa de España infantil de pump track; así como o b-boy David Amor e a b-girl Alicia Babarro, campións de España de break dance sub 21 e júnior, respectivamente.
  • CulturON, a campaña de actividades estivais que se estenderán por toda Galicia ata setembro, chegará este ano a máis de 200 concellos co obxectivo de dispor dunha oferta cultural descentralizada e diversificada, accesible a todos os públicos con independencia da súa idade ou do seu lugar de residencia. Organízanse así case 550 actividades no marco dos distintos festivais que se celebran en moi diversas localidades (de narrativa, teatro, música...) con algunhas citas de especial relevancia como son as englobadas no Fest Galicia ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ademais, súmanselle os máis de 800 eventos vencellados a circuítos de danza, maxia, música, espectáculos de rúa, novo circo ou literatura, que farán fincapé nas zonas rurais.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o Consello de Goberno vén de dar luz verde á 'gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos', tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos, unha medida que será aplicable para o próximo curso e coa que, ademais, se cumpre un 'compromiso adquirido para os primeiros 100 días de goberno'.
  • Quedan tres meses para inaugurar a oitava edición do festival de cine freak e fantástico de Vigo e o equipo de programación está inmerso na busca das mellores curtametraxes de ciencia ficción, terror, fantasía, humor e animación producidas en todo o mundo e que formarán parte da Selección Oficial do GFFF. O traballo intensifícase logo de pechar a convocatoria de recepción de pezas o pasado 10 de xuño que, gozou de gran aceptación en toda Europa, América e Asia. Recibíronse máis de 400 curtametraxes, que se suman ás máis de 700, a maioría inéditas en Galicia, que o equipo xa leva visionadas.
  • Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A peza nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Nova Galega de Danza formou un equipo artístico e técnico integramente feminino, con Marta Pazos á fronte da dirección.
  • O titular da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia porá en marcha o vindeiro curso o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, dotado con 24 M€ ata 2028. Unha medida que, tal e como apuntou, conta cun dobre obxectivo: 'conseguir que o 100 % dos rapaces galegos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos e atraer de novo ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen', sinalou. Trátase por tanto, de reducir o abandono escolar na comunidade, a pesar de que Galicia está en 'mínimos históricos' na taxa de abandono temperá (8,8%) - adiantándose sete anos ao obxectivo do 9 % fixado pola UE para 2030- fronte ao 13,6% do conxunto de España. 'Queremos seguir avanzando e o ideal sería chegar á taxa de abandono escolar cero', apuntou.