Novas
-
A posta en escena de La Bohème abrirá esta 72ª edición con dúas representacións o 8 e o 10 de setembro no Palacio da Ópera. A homenaxe a Puccini arranca, pois, cunha das súas obras máis coñecidas, que regresa á Coruña despois de 17 anos. Con ela, volven tamén á Temporada Lírica o tenor Celso Albelo e a soprano Miren Urbieta-Vega, nos papeis protagonistas desta produción da Luglio Musicale Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola. Helena Abad, Manuel Mas, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro completan o elenco desta montaxe, na que José Miguel Pérez-Sierra levará a batuta da Orquestra Sinfónica de Galicia e para a que se contará, así mesmo, cos coros Gaos e Cantabile.
-
O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. O artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais. Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.
-
A Cidade da Cultura volve este mes de xullo co seu Verán en Familia, que nace coa intención de que nenos, nenas e adultos poidan gozar de espectáculos culturais ao aire libre nas tardes estivais. A programación, composta por un total de catro propostas artísticas, desenvolverase os mércores 3, 10, 17 e 31 de xullo ás 19,00 horas no Xardín do Teatro. A entrada é libre e de balde ata completar capacidade. O Verán en Familia oferta este ano catro espectáculos artísticos que combinan as artes escénicas, a música en directo, o circo ou o clown. Compañías procedentes de distintos puntos da península desprázanse ao Gaiás para que persoas de todas as idades gocen das súas funcións.
-
A Filmoteca de Galicia dedica na súa programación de xuño un ciclo ao cinema de Leon Hirszman, programado en colaboración co festival Play-Doc de Tui, que acolleu o pasado mes de maio a primeira retrospectiva europea sobre o cineasta brasileiro. A continuidade dos programas dedicados a Yasujirō Ozu e a Daniel Domínguez, así como a proxección dos traballos finais de Cinema en Curso son outras das citas destacadas coas que se despedirá a temporada 2023-2024 na cinemateca da Xunta. Tras a súa prematura morte, aos 49 anos, o nome de Leon Hirszman foi crecendo en recoñecemento no cinema brasileiro.
-
Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos. Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos, para a que xa están á venda os bonos en ataquilla.com. Poderán adquirirse por esta vía ata o 24 de xuño, data a partir da que as entradas restantes estarán dispoñibles tanto na oficina da mostra como na súa web.
-
A xornada Somos Cibernéticas celebra o vindeiro día 11 a súa terceira edición co obxectivo de fomentar o talento feminino no eido da ciberseguridade. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica organiza este encontro, no que participarán arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO que terán que afrontar catro desafíos en materia de ciberseguridade, propostos por catro especialistas neste ámbito e vinculados a mulleres relacionadas co mesmo. A xornada comezará con reto Alerta WiFi: redes ao descuberto, no que as participantes terán que crear unha rede WiFi maliciosa para comprobar como os ciberdelicuentes conseguen as credenciais do usuarios.
-
A Cidade da Cultura celebrará o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño. O gaiteiro virá acompañado dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica. A guitarra, o acordeón, a percusión tradicional, os arranxos electrónicos e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira virán a sumarse a Budiño nun espectáculo alegre e potente.
-
Galicia contará o próximo curso cunha oferta de 46.714 prazas de novo ingreso, o que representa 4.540 prazas máis que o curso que agora remata (preto dun 11 % máis) e unha cifra récord no conxunto das 214 ofertas diferentes entre os 153 ciclos de grao básico, medio e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos. A FP galega medra no conxunto da Comunidade e en cada un dos territorios e na case totalidade dos sectores e familias grazas á potenciación da modalidade de FP Dual Intensiva, aos másteres de FP e aos itinerarios de alta especialización.
-
Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.
-
O Festival IKFEM, centrado na música relacionada cos instrumentos de teclado, celebra a súa 12ª edición do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho. O evento transfronteirizo, que une o talento artístico da península contará con actuacións en enclaves de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo de Tui. Nesta edición o certame ofrecerá concertos únicos como os protagonizados polo cantautor Salvador Sobral xunto co pianista Marco Mezquida ou a soprano María Hinojosa co galego Daniel Pereira ao teclado.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »