Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Co título de ‘Miradas complementarias. Unha análise multidisciplinar do conflito palestino-israelí en Oriente Próximo’, desenvolveranse na Facultade de Filosofía o mércores 30 de outubro a partir das 17.00 horas unha xornada na que se fará un achegamento á cuestión desde distintos puntos de vista, que inclúen a filosofía, a política, a historia ou a antropoloxía. A entrada a esta xornada, en cuxa organización colaboran a Facultade de Filosofía da USC e a Fundación Araguaney, é libre ata completar a capacidade do espazo; tamén se poderá seguir en liña.
  • Este sábado 19 e outubro, ás 19,00 h., o Auditorio de Galicia acollerá a estrea estatal da produción do Teatro Nacional São João de Porto As bruxas de Salem, dirixida por Nuno Cardoso a partir do texto orixinal de Arthur Miller. O CDG, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, posibilita esta representación no marco das liñas de traballo abertas entre a unidade de produción teatral da Xunta coa escena lusa e da carteleira Quintas do Camoẽs. Con esta revisión do texto do dramaturgo e guionista estadounidense Arthur Miller, Nuno Cardoso continúa a súa investigación sobre os fundamentos da vida comunitaria, realizando un novo ensaio sobre a cegueira do home social.
  • O Teatro García Barbón-Afundación acollerá o ciclo organizado por Vitruvia para o vindeiro mes de novembro (días 5, 6, 12 e 13) no que destaca a calidade da música e dos seus intérpretes. A apertura dos concertos correrá a cargo de Corrente do Golfo, enmarcado no world-jazz de orixe ibérica, que fusionará a cultura galega, española e cubana a través do produtor Alberto Conde e a cantante cubana Diana Darín. O mércores 6 de novembro será a quenda da música clásica co concerto De Bach a Glass da man de Paula Diz.
  • A segunda cita de Ópticas contemporáneas, o ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propón ao público unha experiencia sonora e visual que reflexiona sobre cuestións actuais abordadas pola antropoloxía e as ciencias sociais. A saúde mental, a degradación do medio ambiente, as desigualdades extremas ou as violencias son algúns dos temas que traslada desde o coñecemento científico á práctica artística a orixinal proposta multimedia Mudar a pel, o venres 18 de outubro, ás 20,00 horas, no Museo Gaiás. Mudar a pel é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada polo Instituto de Ciencias do Patrimonio e a Xunta de Galicia.
  • Do 21 ao 25 de outubro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a vixésimo segunda edición desta cita, baixo o lema Existir é resistir. Ao longo da semana, o público poderá gozar de filmes como The teacher, da directora nomeada aos Óscar e gañadora do BAFTA, Farah Nabulsi; Insahallah Wallad, estreada mundialmente no Festival de Cannes de 2023 e primeira longametraxe do xordano Amjad Al Rasheddd; To a land unknow, do cineasta palestino Mahdi Fleifel, multipremiado con galardóns como o Premio da Paz da Berlinae, e The Old Oak, do prestixioso director británico Ken Loach que conta con varias filmacións premiadas internacionalmente, nas que predominan os temas sociais e políticos.
  • A Consellería de Sanidade iniciou hoxe a vacinación infantil fronte á gripe, unha campaña que se ofrece a 72.561 nenas e nenos de 6 a 59 meses de idade. Desta forma, a Xunta cita por sms, de forma proactiva, as familias para que acudan á vacinación organizada nos centros de saúde de referencia de toda Galicia. Como novidade, nenas e nenos de 24 a 59 meses recibirán este ano por primeira vez a vacina intranasal, coa que se pretende mellorar a adherencia á campaña ao ser de máis fácil administración. Nesta franxa de 2 a 5 anos a poboación diana é duns 49.480 nenos e nenas.
  • Foi presentado o Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que percorre por terceira vez toda Galicia con actuacións nas sete grandes cidades galegas. O Festival Mundial do Ilusionismo “Galicia Ilusiona” inclúe as sete grandes urbes galegas para converter a Galicia na capital mundial do ilusionismo. Así, o espectáculo xa pasou nos primeiros días de outuburo por A Coruña, Ourense e Pontevedra. A vindeira fin de semana estará en Santiago de Compostela (días 11 e 12) e Ferrol (13 de outubro). Antes de pechar en Vigo estará tamén en Lugo (18 de outubro). Galicia Ilusiona contará con artistas de sona internacional coma o mago Murphy, Lore Lavand, Jerome Murat ou Ki Moon do.
  • O CGAC reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración de Novos Imaxinarios, a nova mostra do museo compostelán comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. Como parte da programación da exposición, o CGAC acollerá desde o sábado un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme Segundo Premio, ou Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe 'O que arde' no Festival de Cannes, no Festival Internacional Mar del Plata e nos premios Goya e Feroz.
  • A Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona vaise desenvolver o 5 de outubro, no Auditorio Municipal de Ourense, e nela participarán algúns dos mellores ilusionistas do mundo: Jerome Murat (Francia), Kimoon Do (Corea do sur), Lore Lavand (Arxentina), Nestor Hato (Francia), Mago Murphy (Madrid), Manolo Costa e Mindanguillo (Elche), Sebastian Dethise (Bélxica), Dania Díaz (Venezuela), Jimmy Delp (EEUU) e Dani Polo (Galicia). Un dos obxectivos deste festival é ser un referente a nivel nacional.
  • As ensinanzas de formación profesional en Galicia volven rexistrar este curso "un novo récord" con 68.823 alumnos, o que supón "un incremento dun 7%" (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e "o dobre" que no curso 2008/09 (34.766 matriculados). Tal e como se reflicte nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP elevado ao Consello da Xunta, este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas e que se viu reforzada este ano no eido da tecnificación e a alta cualificación.