Novas
-
A Xunta de Galicia conmemora o vindeiro mércores 11 o Día do Usuario das Bibliotecas cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos durante o ano pasado. A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés programa un obradoiro de 10,00 a 11,00 horas coordinado por Lía Santiso dirixido a público adulto para reflexionar sobre distintas obras literarias e tamén para que os usuarios podan compartir as súas experiencias. -
Os usuarios de internet de entre 65 aos 74 acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 % -o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %-. É o incremento máis significativo rexistrado no último ano, precisamente, no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía. Cómpre destacar o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Hai 6 anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que empregaban internet situábanse no 27,9 %. -
A Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2022, convocados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas. -
'Inventio' é unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixo vertebrador da identidade cultural galega. A proposta consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. Brindará tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o 3 e o 4 de xaneiro. -
Foi presentada a programación dunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística que arranca este venres e levará actividades para público familiar a unha vintena de concellos. Na edición deste ano apóstase por actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. A primeira das actividades será este venres no centro social de Pontecesures coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas. Trátase dunha iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro, do que o concello receptor da actividade recibirá 5 exemplares. -
Tivo lugar no Pazo de San Roque o acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en galego. No certame Novos Poliedros resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. No certame Inventa en galego o gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña. -
O programa Radio na Biblio vén de incorporar 30 novos centros educativos, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa se eleva a 167. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán axudas para a realización de obradoiros de formación específica. -
A Xunta mantén en 2023 o transporte gratuíto aos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova, que rexistrou un incremento de usuarios de máis dun 22% nos primeiros dez meses do ano. Esta tarifa gratuíta aplícase aos usuarios da tarxeta Xente Nova en ata 60 viaxes ao mes no autobús interurbano da Xunta e no transporte en barco da ría de Vigo e no ferrocarril de proximidade na área de Ferrol. Na actualidade, esta iniciativa permite viaxar de balde en toda Galicia a máis de 132.000 menores de 21 anos. -
O Gaiás vén de dar a coñecer a programación para este ano do Nadal, cunha variada oferta pensada para gozar en familia. As actividades darán comezo o 16 de decembro co tradicional acendido da iluminación exterior e da Árbore de Nadal da Cidade da Cultura, e inclúen visitas especiais ao museo, obradoiros creativos, teatro e toda unha nova serie de experiencias de realidade virtual no Galiverso. -
Ata o de agora, o 43,44% da poboación pediátrica entre os 6 meses e os 5 anos de idade está vacinada contra a gripe en Galicia. Os resultados de vacinación foron posibles tras o plan piloto posto en marcha pola Consellería de Sanidade no Hospital Clínico de Santiago de Compostela para incrementar os niveis de vacinación da gripe entre a poboación infantil, e evitar cadros máis graves e contaxios. O éxito dese plan levounos a extrapolar esta medida piloto a todas as áreas e empregar os 14 hospitais públicos de Galicia para levar a cabo a vacinación dos nenos entre os 6 meses e os cinco anos.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 23
- 24
- 25
- 26
- 27
- 28
- 29
- 30
- 31
- …
- seguinte ›
- última »

