Novas
-
A Filmoteca de Galicia inicia a súa programación de decembro, na que María Casares continuará sendo protagonista con tres filmes, a presentación dun libro e unha gravación en directo da produción teatral Macbeth, de 1959, na que a actriz galega lle dá vida a Lady Macbeth baixo a dirección artística de Claude Barma. A emisión deste espectáculo o vindeiro día 22 será a primeira cita dunha escolma na que está a traballar a cinemateca da Xunta co fin de ofrecer unha serie de material televisivo pouco coñecido sobre a gran intérprete.
-
A CdC súmase á reivindicación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha programación para rachar cos roles de xénero, axudar a detectar e combater actitudes e comportamentos nocivos que afectan a mulleres e nenas en todo o mundo e favorecer a construción de relacións sas en igualdade. Do 22 ao 26 de novembroo Gaiás ten programadas actividades para afondar nos avances da loita do feminismo a favor da igualdade, desmontar mitos e falsas crenzas normalizadas e sensibilizar á poboación sobre a prevención da violencia de xénero.
-
A serie de películas rodadas en Francia con María Casares como protagonista será un dos eixos da nova programación para o mes de novembro da Filmoteca de Galicia, co que se suma na recta final de ano á celebración do centenario da actriz coruñesa. A carteleira de novembro complétase coa continuidade dos ciclos dedicados a Charles Chaplin, a nova proposta Filmes falados ou varios pases dedicados á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona (MIFDB), entre outros contidos. Precisamente o encontro catalán que leva 30 anos de traxectoria poñendo o foco no tratamento do feminismo desde o cinema será o que abra o programa de novembro na sala José Sellier.
-
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, organizado entre o CDG e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural. As Quintas do Camões arrancan coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono.
-
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a apertura de 'O Galiverso empeza aquí', unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do emprego de tecnoloxías inmersivas. Neste novo espazo do Museo Centro Gaiás as persoas visitantes poderán vivir 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren monumentos, espazos naturais e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas.
-
Foi presentado o Festival Kerouac, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España que se celebra anualmente en Vigo. A programación arranca o xoves na Galería Maraca, onde se darán cita os Poetryfighters vigueses para dar comezo ao festival. Nesta primeira cita o poeta e rapeiro Malvares, a artista multidisciplinar Lupita Hard e o poeta e tamén director do festival, Marcos de la Fuente, presentarán a antoloxía bilingüe Poetryfighters, un volume que recolle voces de poetas que unen México e Estados e Unidos a través dun movemento poético. Neste evento colaborarán tamén alumnos e profesores da Escola Oficial de Idiomas, que lerán as traducións dos poemas en inglés.
-
Unicorn Wars, a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, ten a súa preestrea nos Cantones Cines da Coruña como antesala da súa chegada ao circuíto comercial o vindeiro 21 de outubro. Ademais, tivo lugar o pase e a presentación aos medios do filme na sede da Filmoteca de Galicia, onde o realizador coruñés será obxecto dunha retrospectiva os días 14 e 18 de outubro. A película está a recibir excelentes críticas tras a estrea da pasada fin de semana no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, onde compite nas seccións oficial e Anima’t. 'A mellor película de animación do ano' ou 'a máis sorprendente' de todas as fitas a concurso en Sitges son algúns dos cualificativos que lle outorga a prensa especializada.
-
O espectáculo galego-turco Tolo chega a Galicia tras a súa recente estrea no Festival Internacional de Teatro de Maltepe, en Istambul, onde acaba de ser recoñecido co premio especial do xurado. O Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe coproducen esta montaxe da compañía galega Cinema Sticado e a turca Tíyatro Eksen, que poderá verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16 dentro da programación do Festival Internacional Galicreques. Como parte do seu traballo conxunto no seo da Eurasia Theater Association, integrada por unha vintena de espazos e institucións teatrais de ambos os continentes, o Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe promoveron a unión de Cinema Sticado e Tíyatro Eksen para investigar arredor da obra Diario de un loco, de Nicolái Gogol.
-
As contribucións cruciais de Lise Meitner para descubrir, a principios do século XX, a fisión nuclear foron ignoradas polo comité do Premio Nobel. ‘Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner’ é unha obra de teatro para todos os públicos promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, que pretende recuperar a memoria desta investigadora e facer xustiza co lugar que ocupa na historia da ciencia. A primeira sesión celebrarase o luns 24 de outubro ás 21.00 horas para o público xeral e o segundo pase desenvolverase o martes 25 ás 10.00 horas, destinado exclusivamente a centros de secundaria e que se complementará cun coloquio posterior con físicas e artistas do espectáculo.
-
Ponse de novo en marcha este outono o Bono Cultura, o programa de descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. A nova edición de Bono Cultura botará a andar este mesmo mes de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. A continuación, a partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 24
- 25
- 26
- 27
- 28
- 29
- 30
- 31
- 32
- …
- seguinte ›
- última »