Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O concurso está dividido en tres categorías: dúas delas para a web (A e B) e unha exclusiva para Instagram (C). As mensaxes presentadas en todas as modalidades poderán enviarse ata o 17 de marzo e deberán estar escritas en lingua galega, ben en prosa ou ben en verso. Nas categorías A e B particípase a través da páxina do concurso mediante un formulario de inscrición. A primeira delas é para a rapazada de 14 a 19 anos, mentres que a segunda abrangue o tramo de idade dos 20 aos 35.
  • Foi clausurado o programa de dinamización lingüística '21 días co galego e +', que nesta quinta edición implicou 12 centros educativos, case 400 docentes, 88 membros do persoal de administración e servizos e 4.078 estudantes de 10 a 18 anos xunto coas súas respectivas familias. Esta quinta edición foi a máis numerosa das realizadas ata o de agora, pois alcanzou un 20% máis de participación ca a anterior, o cal revela nun aumento do interese por parte dos centros e do seu profesorado nesta iniciativa que promove o uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, levando o galego a fogares onde non adoitaba usarse e apoiando o alumnado que xa era galegofalante.
  • A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público dunha decena de localidades galegas a súa nova programación, configurada por 83 concertos de moi variados estilos que terán lugar ata finais de setembro en 11 salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), Sala La Room (Ferrol), Pub Gatos (Melide), Guión Clube (Pontedeume) e Borriquita de Belém e Casa das Crechas (Santiago de Compostela), na da Coruña; o Club Clavicémbalo da capital lucense, na de Lugo; Cafe Cultural Auriense (Ourense) e A Arca da Noe (Vilar de Santos), na de Ourense; e Sala Krazzy Kray (Cambados) e La Fábrica de Chocolate Club (Vigo), na de Pontevedra.
  • A exposición itinerante 'Xuventude Crea, máis dunha década' pecha o seu percorrido cun coloquio no centro Mans da Fundación Paideia, moderado pola comisaria da exposición, Alexandra Rodríguez Rey, e na que participaron catro dos artistas gañadores: Sofía Rivas, Noelia Tojeiro, David Catá e Eva Antelo. Desde que comezou o seu percorrido, en maio do 2021, esta exposición, conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos que participaron no programa Xuventude Crea, que promove o talento e a creatividade da mocidade galego, recibiu máis de 35.000 visitas.
  • A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes ofreceralle ao público cinéfilo 32 novas citas na súa sede da Coruña. Destacan, entre elas, as visitas do cineasta suízo Cyril Schäublin e do catalán Albert Serra para presentar as súas últimas e premiadas longametraxes. O primeiro deles estará na cinemateca da Xunta de Galicia este mesmo venres 3 con motivo dunha sesión dobre que dará comezo ás 18,00 h.
  • O sistema educativo galego mantense entre as cinco Comunidades Autónomas onde o alumnado menos abandona os estudos sen un título na man. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, a media do abandono educativo temperá en Galicia no ano 2022 foi do 9,9%. Isto supón que só tres CCAA teñen un dato mellor, en concreto País Vasco, Navarra e Cantabria. Castela e León, queda á par de Galicia cun 9,9%. Cómpre salientar que só estas Comunidades cumprimos o obxectivo que a Unión Europea marcou como meta para o ano 2020 (9,9%). Os datos reflicten unha subida xeneralizada, tras o acusado descenso do ano pasado pola influencia da pandemia, ocasión na que o noso ensino rexistrou un mínimo histórico do 8,1%.
  • Vigo será o escenario para medio centenar destas citas, concentradas nos catro primeiros meses do ano e das que 37 son de teatro, 10 de danza, dúas de novo circo e unha de maxia. Así, a actividade da Rede de Teatros e Auditorios neste 2023 arrancará na cidade olívica esta mesma fin de semana co espectáculo de rúa Pachamama, co que Troula Animación estará na Porta do Sol o venres e sábado, ás 19,00 h. A partir de febreiro, a programación trasladarase ao Auditorio Municipal, que ese mes acollerá a Teatro del Barrio con Como hemos llegado hasta aquí os días 3 e 4, Magia en la Manga con The Best magic Trick in the World o día 5, Teatro DeuVe con 3240 os días 10 e 11, Teatro Spasmo coa montaxe infantil La mejor obra de la historia o día 12, Teatro Portal 71 con Sexpiertos os días 24 e 25 e Teatro N+1 coa proposta para público familiar Divertimentos o día 26.
  • O Encontro Internacional Erasmus+ congrega en Ferrol uns 300 docentes de nove países distintos para debater e explorar distintas vías formativas en ámbitos como a inclusión, a internacionalización, as novas tecnoloxías ou o plurilingüismo a través de charlas, mesas redondas e obradoiros. Preto de 300 centros participaron o pasado curso en distintas actividades de mobilidade no marco do Erasmus+ con proxectos no entorno escolar, no ámbito da educación para persoas adultas e no da Formación Profesional, onde Galicia destaca entre as tres comunidades autónomas con proxectos propios. 
  • Os espectáculos teatrais, a gran maioría de produción galega, concentran boa parte da oferta da rede, con 250 funcións programadas a cargo de 79 compañías profesionais. Destacan, entre eles, algunhas das agardadas novidades da actual temporada teatral, como a estrea no Teatro Rosalía Castro de Mosca, no que a compañía Ártika aborda o drama do acoso escolar con Gustavo del Río na dirección, ou de Vox Populi, de Malasombra, ópera rock de gran formato que se estrenarña proximamente en Narón.
  • A Rede de Bibliotecas de Galicia, formada por máis de 300 centros públicos, pechou 2022 con case 1,6 millóns de préstamos, o que supón un incremento do 23 % en relación a 2021. Esta cifra coñécese o mesmo día que as bibliotecas celebran o Día do usuario/a, unha efeméride recollida no Calendario do libro e da lectura de Galicia que se conmemora cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos.