Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta aplicará ata o 31 de decembro, un desconto do 50% nos prezos do autobús autonómico e estenderáas rebaixas ao transporte da ría de Vigo e ao ferrocarril na área de Ferrol. A redución temporal do prezo aplicarase ás tarifas dos bonos mensuais, así como ás viaxes aboadas coas tarxetasde Mobilidade de Galicia. Rueda, quen enmarcou esta nova medida na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, fixo referencia aos fondos anunciados en xuño polo Goberno central para que as autonomías apliquen unha bonificación de ata o 50% no transporte da súa competencia a partir do 1 de setembro.
  • A Cidade da Cultura despide a exposición 'Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020' que xa colleitou preto de 30.000 visitas desde a súa apertura no mes de abril. A mostra ofrece a posibilidade de contemplar unha das antoloxías sobre deseño contemporáneo e arte surrealista máis sobresaíntes. Este proxecto exhibe unha escolma de 280 obras que inclúe pinturas, esculturas, obxectos ou fotografías, pezas asinadas por artistas tan significativos como Man Ray, Le Corbusier, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico, Meret Oppenheim, Ray Eames ou Frederick Kiesler, entre outros.
  • Comeza o próximo 30 de agosto no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Ourense Centro e Sur, un taller de competencias básicas de emprendemento para persoas de máis de 18 anos cunha idea de negocio que desexen desenvolver seguindo a filosofía maker. A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentaron esta actividade no curso dunha visita ás dependencias deste Polo situado en Verín, coa que o Goberno galego estrea o programa da Academia Makers que nace para impulsar a creación de empresas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
  • A Academia Makers ofrecerá ás persoas con interese en emprender dúas actividades: accións formativas sobre competencias básicas para o emprendemento; e os modelos de innovación de emprendemento para makers. Así, os emprendedores potenciais dentro da comunidade maker adquirirán coñecementos sobre ferramentas de xestión e competencias sobre temas específicos de innovación para aumentar as súas probabilidades de éxito na súa inserción empresarial como emprendedores. O programa sempre segue a filosofía maker coa que os emprendedores aprenden a través do que fan, sobre todo en eidos que implican colaboración e tecnoloxía.
  • A Xunta abre o museo dixital do programa Xuventude Crea para difundir e promocionar o talento da xuventude galega. A través da web www.museoxuventudecrea.gal pódese acceder ás obras premiadas nas distintas categorías deste certame de creación xuvenil, que recoñece a creatividade, a orixinalidade e o enxeño dos mozos galegos nun amplo abano de disciplinas. Así, este novo espazo difunde os traballos premiados ao longo do programa en todas as súas especialidades, 14 actualmente.
  • OUR FEST converterá a Ourense no epicentro da música cun cartel que aúna a bandas, como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy ou The Big Moon; e propostas punteiras a nivel nacional, como a de Julián Maeso Big Band que ofrecerá un concerto especial en formato Big Band. Os asistentes poderán gozar durante unha xornada moi completa de seis concertos que se prolongarán ata a noite, e no recinto dispoñerán de barras e zona gastro con diversas ofertas de restauración.
  • A Cidade da Cultura pon en marcha 'Olladas máxicas no Gaiás', unha nova actividade pensada para facilitar ás familias a conciliación nas semanas previas ao comezo do curso escolar. Do 29 de agosto ao 9 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá este campamento urbano deseñado para que a rapazada poida explorar a arte, a música, a maxia e o deporte desde perspectivas que fomenten os valores de solidariedade e igualdade. A Cidade da Cultura afonda así na súa liña de programación familiar cunha proposta que atende as necesidades de conciliación de nais e pais de maneira transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados.
  • Festaclown regresa a Vilagarcía de Arousa do 17 ao 21 de agosto cunha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia. Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico. O espectáculo inaugural celebrarase o mércores 17 de agosto ás 11,00 h. na praza de Galicia, da man de Pallasos en Rebeldía, Desastronauts e Clámide coa colaboración especial do Centro de Atención Integral Princesa Leticia Amencer.
  • O impulso de empresas tractoras que promovan modelos de innovación aberta e busquen estar en contacto con novas tecnoloxías que consoliden os seus modelos de negocio é a meta que persegue Unirisco, a primeira empresa de capital risco vinculada aos proxectos das universidades galegas. Os reitores da USC e da UDC, Antonio López e Julio Abalde, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, acaban de asinar un protocolo de colaboración para impulsar na provincia, a través de Unirisco, a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica.
  • O SonRías Baixas de Bueu recupera neste 2022 o seu gran formato e ofreceralle ao público entre o 4 e o 6 de agosto un cartel cunha vintena de nomes destacados do panorama musical actual. O SonRías Baixas dividirá en tres xornadas o seu programa, que inclúe unha cifra significativa de mulleres para continuar un ano máis coa súa decidida aposta para fomentar unha industria musical igualitaria en Galicia. O festival abrirá na noite do xoves cos concertos de Delaporte, Sofía Gabanna, JazzWoman e Cool Nenas, que subirán ao escenario nun día en que tamén actuarán o rapeiro Rels B e Maurino.