Notas
-
A quinta edición da Ourense ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, estrea unha nova vertente creativa, a moda. E faino da man de tres importantes profesionais do sector: Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez. A xornada inaugural da semana creativa correrá a cargo destas mulleres, que representan marcas de prestixio internacional.
-
O presidente da Deputación de Ourense asinou hoxe co alcalde de Xinzo de Limia o convenio por medio do cal a Deputación asume a xestión do Museo Galego do Entroido, situado en Xinzo de Limia, o que permitirá que este espazo expositivo abra as súas portas de maneira regular "poñendo a disposición do público, coa colaboración do Concello de Xinzo e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia que amosa a riqueza do carnaval".
-
Continúa a Tempada de Música Clásica de Afundación, organizada en colaboración coa Sociedade Filarmónica de Vigo, no Teatro Afundación de Vigo. O seguinte concerto será o 27 de febreiro cun concerto da Real Filharmonía de Vigo baixo a batuta de Jonathan Webb no que se estreará unha obra, Macaréu, encargada pola agrupación a Adrián Saavedra. Tamén interpretarán a Sinfonía nº 6 en re menor, op. 104, (Sibelius), e a Sinfonía nº 5 en re maior (Vaughan Williams).
-
O período expositivo de «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación» producida por Afundación, a Obra Social de ABANCA, chega ao seu fin e faio cun concerto a cargo de Maria do Ceo, quen presentará o seu novo disco, A fadista. O recital será o vindeiro 1 de marzo, a partir das 19.00 h na Sala de exposicións da Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), e as entradas xa se esgotaron.
-
A Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza estreita por quinto ano consecutivo os vínculos entre as dúas bandas do Miño para homenaxear a Rosalía de Castro cun amplo programa de actividades que ofrece exposicións, música, cinema, poesía, tertulias e teatro nas localidades de Braga (Portugal), Padrón e Santiago de Compostela, promovido pola formación Canto D'Aqui e polo Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade do Minho.
-
O vindeiro sábado 23 de febreiro Teatro do Noroeste presenta no Teatro Rosalía Castro da Coruña a súa última montaxe 'Da avaricia, a luxuria e a morte', baseada nos textos de Valle-Inclán: ‘Ligazón’, ‘A cabeza do Bautista’ e ‘A rosa de papel’. Luma Gómez, Manuela Varela, Fernando Tato, Inma António e Miguel Pernas protagonizan a montaxe baixo a dirección de Eduardo Alonso.
-
‘Escenas do cambio’, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, sube mañá xoves ao escenario a adolescentes galegos non actores para que vertan en ‘Gatillo da felicidade’ as súas inquietudes, incertezas e conflitos vitais, baixo a análise e pescuda común entre todos eles sobre a súa perspectiva da quimérica felicidade na sociedade actual.
-
Regresa á cidade da Coruña o espectáculo ​The Hole​. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento deu a coñecer que o Coliseum acollerá do 28 de febreiro e até o 3 de marzo diversas representacións de The Hole Zero, Nesta ocasión, a acción sitúase nos anos 70 e 80, concretamente, na noite de Fin de Ano de 1979. Será un evento de cabaré, música, circo e humor moi diferente ás anteriores presentacións da saga na cidade.
-
Pablo Milanés, Bustamante, Antonio Orozco ou Coti, no panorama musical, así coma o monologuista Enrique San Francisco, son algúns dos nomes que pasarán, durante o primeiro semestre do ano, polo Auditorio de Ourense. A presentación da oferta cultural deste espazo, un dos máis activos e dinamizadores da vida cultural desta cidade, contempla actividades para todos os públicos.
-
Presentouse na sede do CIAE 112 Galicia o novo proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas que formará aos máis pequenos no correcto uso do teléfono 112 de atención ás emerxencias. Os Bolechas explicáronlles aos escolares galegos que participaron no acto a necesidade de coñecer o teléfono pero tamén en que circunstancias pode, e debe, utilizarse.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- …
- seguinte ›
- última »