Novas
-
Ao longo do encontro poderán verse 67 pezas procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que oito están dirixidos por mulleres. Deste xeito, a mostra, dirixida por Ana Estévez Lavandeira, volve un ano máis a darlle visibilidade ao traballo das realizadoras e directoras, o que supón un 50 % na programación desta edición. Ao mesmo tempo, o foco está posto na ollada do cinema etnográfico sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións.
-
Un total de seis institutos e centros integrados de FP veñen de alzarse cos premios do concurso Eduemprende Idea 2023, un certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de incentivar a realización de proxectos empresariais entre o alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño. As persoas participantes debían presentar ideas de negocio orixinais que puideran dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo, deste xeito, a cultura emprendedora entre o alumnado galego.
-
A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente. Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.
-
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), amosa o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos, e que supuxo acadar unha cifra de 2.234 doazóns, das cales 800 (un 35,8 %) correspondían a persoas que doaban por vez primeira. ADOS comeza o 27 de febreiro a segunda fase da campaña universitaria de doazón de sangue, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, marcándose como obxectivo o fomento da doazón na comunidade universitaria, así como renovar a base de doantes e superar as 4.453 doazóns recollidas no pasado curso.
-
A proposta da Federación de Cineclubs de Galicia para 2024 articúlase arredor de 19 ciclos e sete semanas de cine que terán lugar nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada. A cinemateca galega seguirá ofrecéndolles aos cineclubs algúns títulos procedentes da súa carteleira para a sala José Sellier da súa sede da Coruña, de xeito que incrementará o número de concellos galegos implicados por esta vía coa incorporación de O Barco, O Carballiño, Vilagarcía e Cangas.
-
Baixo o lema Medrando en galego, que incide na idea de que o alumnado coñeza a lingua propia desde o berce, a cativada de Infantil e Primaria, así como os seus profesores, optan por falar en galego as 24 horas do día entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro. Disto quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 126 en total ao acumular as seis edicións.
-
Foi presentado o programa da segunda edición do Festival Internacional de Animación Imaxinaria, impulsado por Afundación co obxectivo de dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector. Baixo a dirección de Matilde Rodríguez, comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC), e do ilustrador e realizador coruñés Alberto Vázquez, referente na animación actual, gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, as proxeccións e actividades principais de Imaxinaria terán lugar desde mañá ata o domingo na Sede Afundación da Coruña e con entradas á venda a beneficio do Banco de Alimentos.
-
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia celébrase anualmente en torno ao 11 de febreiro en recoñecemento ao papel que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica. As liñas de actuación para incrementar a presenza de nenas nas carreiras STEM pasan por atraer ás nenas cara á ciencia e a tecnoloxía e romper os estereotipos de xénero, achegándolles referentes femininos ou fomentando a elección non sesgada dos estudos. A Axencia Galega de Innovación desenvolve programas de Fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, coma os espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol centrados na importancia das mulleres científicas e tecnólogas na historia.
-
Esta é a primeira reconstrución visual feita deste interesante edificio e dos seus importantes contidos artísticos que foron creados por destacados autores como o propio Rubens e outros pintores flamencos, así como Velázquez, e que hoxe en día se poden contemplar en museos e institucións como o Prado e o Museo de Historia de Madrid, a National Gallery de Londres, o The Arte Institute de Chicago, o Staaliche Museum Zu de Berlín ou na colección Sir Edmund Bacon Art, entre outros. Nela, grazas ao uso de técnicas de reposición fotogramétrica, modelado CAD 3D e a programación de videoxogos, o visitante poderá realizar un percorrido inmersivo polos seus espazos e interactuar con lenzos de forma natural, sen máis dispositivos que o propio corpo, cuxos movementos serán monitorizados por unha cámara de profundidade.
-
A Xunta vai desenvolver un marco normativo para regular a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos na Formación Profesional galega. “Galicia vai ser a primeira comunidade” en contar cunha regulación. Trátase dun paso esencial para blindar que os resultados de investigación e innovación aplicada xurdidos do traballo do alumnado dos centros educativos de Formación Profesional revertan no sistema educativo. Deste marco regulador tamén se vai beneficiar o profesorado e as empresas e entidades que prestan a súa colaboración nos distintos ciclos de Formación Profesional.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- …
- seguinte ›
- última »