Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.
  • Este ano o programa Primavera Xove oferta case 600 prazas para persoas entre os 14 e 30 anos durante os meses de marzo e abril en seis instalacións xuvenís da comunidade. Trátase de que a mocidade conte con alternativas de ocio educativo e saudable e que os pais teñan máis oportunidades para conciliar durante as fins de semana ou en períodos non lectivos como a Semana Santa. Os espazos nos que se desenvolve esta iniciativa son os albergues xuvenís Mariña Española (Sada e Bergondo); Lug II (Lugo) e Area (Viveiro); así como os campamentos xuvenís de A Devesa (Ribadeo), Pontemaril (Forcarei) e As Sinas (Vilanova de Arousa).
  • Trátase dunha aplicación web do Instituto de Estudos do Territorio (IET) dispoñible desde hai case ano e medio e que a día de hoxe inclúe un total de 52 rutas cunha extensión de máis de 2.300 quilómetros, con percorridos cartografados e en formato descargable. Tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a reunión do Consello Reitor do IET, ao longo deste ano prevese incorporar ao visor 25 novos itinerarios polo que o obxectivo é chegar a ofrecer preto de 80 rutas ciclistas —un 50% máis que as que ten na actualidade— cunha extensión de case 3.000 km, o que permitirá que afeccionados ao ciclismo e turistas en xeral poidan coñecer a Comunidade dun xeito diferente.
  • A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.
  • Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía. Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal.
  • Coincidindo co 20 aniversario da creación da Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), celébrase o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024), que se desenvolve no compostelán Pazo de San Roque coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e do grupo de investigación universitario LITER21. A Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano é un grupo multidisciplinar e multicultural composto por profesorado de distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario.
  • O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta fin de semana o espectáculo Manuela Rey Is In Da House cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela do xoves 14 ao sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior desta unidade teatral.
  • A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrancou esta fin de semana coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. O Tren da Camelia en Flor terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar.
  • Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude plenamente consolidada. Desde o seu inicio teñen debatido 518 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades, nos que participaron 2.762 persoas entre estudantes e profesorado. A estas cifras hai que engadir os 57 equipos e 223 participantes desta edición en curso. Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
  • Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.