Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.
  • O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos na Comunidade. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), 'O Sector TIC en Galicia 2023', publicado hoxe. O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados.
  • O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
  • InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.
  • O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, ten como obxectivo promover as artes do movemento, e para iso ofrecerá a exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación.
  • O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.
  • Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.
  • Bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede. A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua.
  • A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Trátase dun evento dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.
  • Francisco Asorey (1889-1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes na renovación escultórica española do século XX. Traballou a pedra e a madeira nas súas esculturas e con este último material realizou no seu obradoiro de Santiago unha serie de tallas policromadas nas que a protagonista é a muller galega. Nelas experimenta coa cor, levando a cabo un tratamento naturalista aplicando sutilmente a policromía sen perder a calidade da madeira e dotando as pezas de gran humanidade.