Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O Son do Camiño reunirá no Monte do Gozo a 47 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo os vindeiros 16,17 e 18 de xuño. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo. O Son do Camiño contará co cartel máis grande da súa historia, coas actuacións de The Chemical Brothers, C.Tangana, Sebastián Yatra, Guadi Galego, The Killer Barbies, Furious Monkey House, Liam Gallagher, Budiño, Jason Derulo, Dani Martín, Rigoberta Bandini, Triángulo de Amor Bizarro e Pablo Lesuit, entre outros.
  • Un equipo de físicos e xeógrafos da USC acaba de crear un descritor matemático que permite identificar os territorios máis susceptibles de gromos pandémicos e estimar o impacto das diferentes restricións de mobilidade. Este é o xermolo sobre o que se asenta o primeiro mapa de risco español ante pandemias no que os investigadores mediron a vulnerabilidade de cada localidade ao longo do Estado durante a segunda vaga da COVID-19. O estudo evidencia que un illamento por grupos de idades podería ser máis efectivo que un illamento territorial por municipios.
  • A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de rexistrar na aplicación informática do Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster para as universidades públicas galegas cara o curso académico 2022/2023, unha oferta que foi consensuada coas vicerreitorías de titulacións e que será oficial unha vez que se ratifique formalmente nas vindeiras semanas pola Conferencia General de Política Universitaria. Como principais novidades, as universidades públicas galegas incorporarán o vindeiro curso tres novos títulos de grao e 10 novos mestrados universitarios.
  • A implantación de tres novas vacina gratuítas sitúa a Galicia como a comunidade co calendario de vacinación infantil máis completo. A vacina da meninxite B administrarase a todos os nenos e nenas aos dous meses de idade, a finais de ano; e a vacina do virus do papiloma humano estenderase no vindeiro curso a todos os varóns de 12 anos, co fin de acelerar os beneficios globais na loita contra a transmisión deste virus e na mesma dirección que o plan da OMS para eliminar os cancros producidos polo VPH.
  • Esta 13ª edición ten prevista a proxección de 138 pezas procedentes de 14 países, das que 53 son estreas internacionais e 47 poderán verse por vez primeira en España. O programa tamén inclúe presentacións, live performance, talleres e encontros profesionais coa participación de 53 artistas convidados, ademais de diferentes actividades para o alumnado de sete centros de ensino da Cidade. A presencialidade e a experiencia colectiva recuperan o seu protagonismo este ano, no que haberá unha importante representación do cinema experimental realizado por mulleres.
  • O número de centros participantes no programa de libro dixital E-Dixgal elevarase o vindeiro curso a 600, ao abeiro da incorporación de 55 novos centros a esta iniciativa. Dos 55 novos centros en E-Dixgal que se poñen en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 43 incorporan o programa na etapa de Primaria, 10 en ESO e 2 en Primaria e ESO á vez. Ademais, un centro que xa contaba co programa en Primaria incorpórao para o curso que vén en 1º de ESO. Da totalidade de centros E-Dixgal o 94% son públicos. Por provincias, 216 deles están na da Coruña, 98 na de Lugo, 54 na de Ourense e 232 na de Pontevedra.
  • O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo anunciou a programación completa da súa 23ª edición que, do 12 ao 17 de maio, ofrecerá un intenso programa con máis de 60 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques. O festival contará cunha importante presenza de compañías galegas na súa programación, coa veterana compañía redondelá Tanxarina á cabeza e protagonizando, así mesmo, a exposición sobre os seus 40 anos de traxectoria. Outras formacións galegas en cartel son Catropés, Cascanueces Títeres, EducaTeatro, Mircromina Títeres, Paporrubio, Títeres Alakrán, Trécola Producións ou Viravolta Títeres.
  • Esta nova iniciativa, encamiñada a axilizar a consolidación dos estudios seleccionados e a saída ao mercado dos seus produtos, arrancará cunha etapa de aceleración intensiva con consultorías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Contarase para tal fin coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento. Tamén está prevista a organización de actividades de innovación, de eventos de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional.
  • Variedade de estilos musicais, de escenarios e de localidades, pero sempre baixo os principios da orixinalidade e da calidade das propostas, a 11ª edición de Xacobeo Importa inclúe unha ducia de concertos que se comezaron en febreiro e que se celebrarán ata o mes de outubro na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, en escenarios como o Palacio da Ópera, a Sala Capitol, o Auditorio Mar de Vigo ou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde rematará en outubro o ciclo. O programa incluíu os concertos de Eagles Of Death Metal e Joan As Police Woman, e contará cos concertos dos ingleses White Lies e de The James Hunter Six en maio.
  • Do total de 504 alumnos ucraínos escolarizados en 186 centros educativo galegos a día de hoxe, 204 están en colexios e institutos da provincia da Coruña, 46 na de Lugo, 83 na de Ourense e 171 na de Pontevedra. A Xunta traballou desde o primeiro momento para artellar unha acollida ordenada aos desprazados, especialmente no ámbito escolar, onde se habilitou un procedemento extraordinario para a incorporación inmediata dos nenos ás aulas ao tempo que garantirlles os servizos gratuítos de transporte, comedor e material escolar necesario así como proporcionarlles ferramentas específicas para favorecer a comunicación co resto dos compañeiros e cos profesores.