Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • O Centro Galego de Arte Contemporánea retoma a súa actividade presencial cunha ampla programación que inclúe tres novas exposicións e diversas actividades entre as que se inclúen debates, seminarios e encontros con artistas. Esta nova programación coa que o CGAC volve abrir as súas portas foi presentada polo secretario xeral de Cultura, que celebrou que a cultura poida gozarse de xeito presencial. A primeira das citas é o proxecto Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, inaugurado hoxe e comisariado por Ángel Cerviño co fin de renderlle homenaxe aos 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
  • Presentouse o Plan de Benestar Emocional, unha estratexia integral aprobada a pasada semana polo Comité Educativo que asesora ao Goberno autonómico. O documento busca previr posibles problemáticas derivadas da pandemia tanto entre o alumnado, para que este tipo de situacións non afecten ao seu desenvolvemento académico, como no profesorado, a quen achega numerosas ferramentas cun enfoque pedagóxico, metodolóxico e sanitario. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou que a actual situación de covid-19, coa que levamos convivindo case un ano, pode xerar na comunidade educativa angustia, estrés ou ansiedade, “pois os colexios e institutos non son alleos ás difíciles situacións persoais e laborais que moitas familias están afrontando”, afirmou.
  • O Centro Dramático Galego levará o 26 de marzo a súa última produción, O charco de Ulises, aos centros educativos, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Teatro. A través dunha conexión que se facilitará xunto co convite, o alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato poderá gozar da adaptación do clásico grego dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso que foi estreada pola compañía en xaneiro. Trátase de apostar por achegarlle o teatro ao estudantado galego, ante as restricións de mobilidade e a suspensión das exhibicións por mor da covid-19.
  • Fixéronse públicos os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, o certame escolar que naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, e cuxo primeiro premio desta edición foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) co proxecto 'Sálvora'. Este proxecto é unha reflexión dunha rapaza sobre o cambio climático, a relación entre a pandemia e o descoido da natureza por parte da humanidade e a despreocupación que sinte da sociedade cara estes feitos. A protagonista lanza unha mensaxe de esperanza nunha botella desde a illa para atopar persoas que, emulando ás Heroínas de Sálvora, se decidan a dar un paso adiante para a salvación do planeta.
  • Investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Aveiro veñen de deseñar un novo modelo matemático fraccionario compartimental para estimar a propagación da covid-19. O modelo foi aplicado con éxito na análise da evolución da pandemia para os casos de Galicia, España, Portugal e Europa, e os resultados obtidos, comentan os responsables do traballo, 'permiten conxecturar como é a evolución das novas mutacións, distintas á que comezou inicialmente en China'. Así, as simulacións permitiron adiantar ao 27 de decembro coñecer como sería a evolución dos datos a tenor do impacto da variante británica do coronavirus.
  • O Comité Educativo vén de certificar que a práctica totalidade dos centros educativos están preparados para o ensino virtual cos seus horarios-espello deseñados, aulas virtuais operativas, e case todo o profesorado formado. Así se desprende dos datos de seguimento da implantación do Plan de Ensino Virtual elaborado co obxectivo de estar preparados de xeito preventivo en caso de que a situación epidemiolóxica requirira pasar á atención telemática, unha posibilidade que a día de hoxe está descartada logo de que o Comité Clínico avalara a seguridade dos centros escolares.
  • O festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, promovido pola Xunta de Galicia para fomentar a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os públicos máis novos, continuará o seu desenvolvemento a través da rede. Entre o sábado 30 de xaneiro e o luns 1 de febreiro, o público poderá ver desde as súas casas a escolma de curtametraxes do festival –organizada en catro sesións– a través da plataforma tv.festhome.com. En cumprimento das medidas sanitarias de contención da pandemia da covid-19, a Cidade da Cultura suspende así as proxeccións presenciais pero continúa a desenvolverse exclusivamente en liña.
  • Galicia vén de acadar un novo fito na redución do abandono educativo temperá, que cae ao mínimo desde que existen rexistros, un 12% de media no ano 2020. Isto supón reducir en máis de medio punto o dato co que se pechou 2019 (12,6%) e confirma a progresiva diminución desta taxa, en máis dun 50% respecto do dato rexistrado de media no 2009 (25,8). Este logro é froito do esforzo de todos os axentes implicados no sistema educativo galego, no incremento da súa calidade e en facelo atractivo para a permanencia do alumnado. En calquera caso, o noso sistema educativo cumpriu xa o obxectivo marcado para España pola UE para 2020, fixado nun 15%.
  • A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os máis pequenos e pequenas cunha nova edición do festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que mañá arranca na Cidade da Cultura de Galicia, podendo verse tamén, por vez primeira, a través da rede. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá no Gaiás a programación e novidades desta quinta edición de Pequefilmes, acompañada do director do festival, Jorge Rivero, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.
  • Un total de 56 centros escolares (22 da Coruña, sete de Lugo, sete de Ourense e 10 de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica. O departamento educativo destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa.