Ir o contido principal
iniciar sesión

Novas

  • As mozas e mozos galegos poderán activar o Carné Xove tamén por vía electrónica. A Xunta de Galicia habilitará un formulario na rede para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez e non poden desprazarse para activala, poidan facelo desde a súa casa. De igual xeito, os 36 puntos de activación presenciais seguirán dispoñibles. A Xunta de Galicia está a enviar aos máis de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos esta tarxeta de xeito gratuíto aos seus fogares. Aqueles que con anterioridade ao envío xa tiveran o carné, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove deberán activalo, ben nalgún dos 36 puntos habilitados en toda a Comunidade ou ben por vía electrónica.
  • A Xunta de Galicia iniciará este sábado 19 de xuño as probas das oposicións do ensino máis amplas da historia tanto en número de prazas, un total de 3.894, como de tribunais e sedes. Deste xeito os exames, cuxa primeira proba se realizará entre o sábado e o día 25, desenvolveranse nun total de 132 sedes en 23 localidades de toda Galicia. A segunda proba terá lugar con posterioridade, nas datas marcadas polos tribunais. É a primeira vez que as oposicións se realizan en localidades máis aló das sete cidades galegas.
  • Establecer unhas liñas e criterios que permitan unha ordenación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) racional e acorde coas necesidades da comunidade para levar o ensino universitario galego “ás máis altas cotas de competitividade, calidade e excelencia” é a meta coa que nace o acordo asinado este mércores por USC, UDC, UVigo e Xunta de Galicia. O documento presentado polo reitor da USC Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e os reitores da UDC, Julio Abalde; e da UVigo, Manuel Reigosa define, baixo a premisa da flexibilidade, os criterios polos que se rexerán as titulacións do SUG a implantar ata o ano 2026.
  • A Cidade da Cultura despide a exposición Os brancos segredos do seu ventre, formada por unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac). A mostra pecha así unha estancia no Museo Centro Gaiás durante a que preto de 34.000 persoas –cunha media de 230 persoas por día– se achegaron ás obras desta colección privada situada en Pontevedra, que atesoura un dos fondos de creación actual máis relevantes de España.
  • O Servizo Galego de Saúde iniciou esta semana o ensaio clínico en menores de 12 anos coa vacina de Pfizer-BioNTech que se está a levar cabo no Hospital Clínico de Santiago. Onte luns, os primeiros voluntarios xa recibiron a primeira dose da vacina ou do placebo, mentres que ao longo da semana completaranse as 25 inmunizacións previstas nesta primeira fase, en nenos de entre 5 ata os 12 anos. En fases posteriores, irase desescalando en idades ata chegar a nenos de 6 meses de idade e aos 55 participantes.
  • Vaise celebrar este sábado a I Feira Iniciativa Xove para poñer en valor os diferentes proxectos xurdidos ao abeiro deste programa. O Edificio Cinc da Cidade da Cultura acollerá unha completa xornada de actividades cun espazo expositivo de proxectos, obradoiros ou un punto de asesoramento, entre outros. Iniciativa Xove é un programa creado en 2010 polo Goberno galego a través do cal se conceden axudas de ata 5000 euros para que as mozas e mozos de Galicia poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos empresariais ou programas de interese, revertan na sociedade.
  • Presentouse hoxe o cartel dos concertos de O Son do Camiño-Perseidas, un novo formato do coñecido festival adaptado ás circunstancias da pandemia e que congregará do 14 de xullo ao 8 de agosto a 18 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo 21-22. O Son do Camiño-Perseidas contará coas actuacións de Rozalén, Camilo, Andrés Suárez, Loquillo, Vetusta Morla, Ara Malikian, Beret, Estopa, Izal, Raphael, Melendi ou Xoel López. O cartel complétase con Guadi Galego, Pablo Lesuit, Sabela, Furious Monkey House, David Rees e Maren.
  • Desde o inicio da pandemia da COVID-19 en España son moitas as plataformas que veñen recollendo as cifras sobre a súa incidencia, non obstante case todas elas se quedan nunha análise superficial. Co obxectivo de poñer remedio a isto, a plataforma que propoñen desde o centro de investigación atlanTTic vai un paso máis aló. Panel Covid recompila todos os datos e informes publicados por fontes oficiais como son o Ministerio de Sanidade, a Renave (Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica) e o INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre a evolución da pandemia desde o seu inicio, co obxectivo de poder analizalos polo miúdo e amosalos de maneira sinxela e clara a calquera usuario.
  • A Xunta de Galicia abre a inscrición dalgunhas das actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema 'O verán que mereces’. Desde hoxe pódese solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado e, ademais, o DOG publica a convocatoria dos campamentos de verán para as mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, polo que a partir de mañá xa se permitirá a recepción de solicitudes. O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, porá á disposición da xuventude galega un total de 7820 prazas, mil máis que o ano pasado.
  • A Xunta realizará unha proba piloto como ensaio previo á reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias. Farase o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acordaron con representantes do sector o protocolo de reactivación.